Tubo de escape

Tubo de escape dun turismo.

Os catalizadores dos coches disparan o platino en organismos mariños

Un estudo do CSIC revela que as concentracións do metal duplicáronse dende a introdución dos novos tubos de escape

Consejo Superior de Investigaciones Científicas (CSIC) está estudando dende Galicia a relación entre o incremento de micropartículas de platino no medio e o seu contido en organismos mariños. Un primeiro estudo, que ven de ser publicado na revista Science of the Total Environment, revela que o incremento das emisións antropoxénicas de platino (Pt), fundamentalmente pola súa utilización nos catalizadores dos automóbiles, derivou nun aumento significativo do contido do devandito metal nalgúns organismos mariños. En concreto, na actualidade as súas concentracións son en torno ao dobre das obtidas nos anos previos á introdución dos catalizadores, a finalis da década dos noventa.

O primeiro avance realizouse con mexillóns recollidos na praia de Samil de 1991 a 2011

A investigación enmárcase nas que dende hai máis de 20 anos realiza o CSIC en Galicia en torno á bioxeoquímica mariña, neste caso para indagar o impacto do incremento de platino en organismos mariños. Estes estudos, que se iniciaron hai cinco anos e sobre os que se están a publicar os primeiros resultados en revistas científicas de impacto, acábanse de ver fortalecidos coa coordinación, por parte do Grupo de Bioxeoquímica Mariña do Instituto de Investigacións Mariñas (IIM), con sede en Vigo, da Acción COST “Network on technology- critical elements: from environmental processes to human healththreats” [Rede de traballo sobre os elementos químicos esenciais para o desenvolvemento de novas tecnoloxías: dende os seus procesos ambientais ata as súas posibles ameazas á saúde].

Mejillón andreas trepte

Mexillóns en rocha. / A. Trepte

“Unha Acción COST permite fortalecer a investigación científica e técnica en Europa a través do financiamento, por parte da Unión Europea, do establecemento de redes de colaboracións entre investigadores que contan con liñas afíns”, explica Antonio Cobelo García, científico do IIM e coordinador da Acción COST. Esta en concreto conta con 400.000 euros de financiamento e desenvolverase ata 2019. Involucra científicos de 19 países co seguinte labor: incrementar o coñecemento sobre elementos traza que son actualmente esenciais para o desenvolvemento das novas tecnoloxías (por exemplo, platino, xermanio, ou as terras raras) a través da súa determinación analítica, do seu impacto ambiental e efectos tóxicos, debido ao incremento das súas concentracións ambientais.

Os catalizadores xeneralizáronse nos vehículos nos anos noventa

“Estes elementos traza esenciais para o desenvolvemento das novas tecnoloxías eran, ata hai pouco, case simplemente curiosidades de laboratorio sen aplicacións humanas industriais significativas. A iso uníase a súa baixa concentración na natureza, polo que apenas se realizaban estudos científicos sobre eles”, sinala. Pero todo cambiou coa súa utilización, debido ás súas propiedades, nas novas tecnoloxías.

Así, por exemplo, as baterías dos coches eléctricos ou as pantallas táctiles empregan terras raras e os catalizadores dos coches elementos de grupo platino. “Por iso, e dado que se prevé que a súa utilización continúe en aumento, é importante empezar a indagar no seu impacto no medio e nos organismos”, apunta.

Samil,_Navia,_Vigo

Praia de Samil, en Vigo.

Neste contexto o CSIC centrouse nos elementos traza, fundamentalmente do grupo platino, presentes nos catalizadores dos vehículos a motor co obxectivo de reducir as emisións de gases contaminantes.

“As súas emisións antropoxénicas ao medio víronse incrementadas significativamente nas últimas décadas, dado que durante o uso do catalizador se emiten, a través do tubo de escape, micropartículas con elevadas concentracións de elementos do grupo do platino. Increméntanse, polo tanto, as concentracións destes elementos en zonas circundantes a estradas“, apunta.

“O primeiro estudo dedicouse a determinar se o devandito incremento se estaba a ver reflectido nun aumento do contido do metal en organismos mariños. Así, tomando como obxecto de estudo o banco de mostras de mexillón do Instituto Español de Oceanografía en Vigo, analizamos a concentración de platino en mostras recollidas na praia de Samil dende 1991 a 2011. Os datos revelan que as concentracións son en torno ao dobre das que se detectaban cando non había os catalizadores”, indica Cobelo.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.