Quenllas esperando a poxa no porto de Vigo.

Quenllas esperando a poxa no porto de Vigo.

O tiburón, na lista vermella

A Lista Vermella da UE alerta do perigo de extinción das quenllas, das que Vigo é o maior porto exportador do mundo

Un novo informe da Unión Internacional para a Conservación da Natureza e a Comisión Europea sinala á sobrepesca como o maior perigo para os peixes mariños europeos en risco de extinción, xa que afecta a 58 das 59 especies clasificadas en perigo de extinción. A familia das quenllas e as raias é a que se encontra nunha situación máis crítica.

“Os resultados amosan as enormes repercusións da mala xestión pesqueira da UE. O cumprimento da lexislación é o único modo de garantir stocks saudables e a propia existencia da gran diversidade de especies”, afirma Lasse Gustavsson, director executivo en Europa de Oceana, unha das ONGs que colaboraron no informe.

O tiburón, un depredador agora ameazado.

O tiburón, un depredador agora ameazado.

O grupo en situación máis crítica son os condrictios -peixes cartilaxinosos como os tiburóns e as raias- co 40,4% das especies en risco de extinción, dentro das cales o 39,7% sofren un descenso na poboación. Esta circunstancia sinala directamente a Galicia, xa que Vigo é o maior porto do mundo en exportacións de aleta de tiburón. De feito, calcúlase que o 50 por cento das capturas de quenllas as fai a frota galega. O mercado asiático, onde son moi aprezados, é o principal destino, con Hong Kong e China como principais destinos.

A industria pesqueria galega segue as moi estritas normas da Unión Europea, que prohiben a práctica do ‘finning‘, consistente en cortas as aletas do tiburón en alta mar. Os barcos galegos traen as quenllas enteiras, co que se tenta reducir a súa explotación, aínda que a medida é regularmente contestada e recurrida polos armadores ante as instancias comunitarias, aducindo que hai frotas pesqueiras asiáticas que non respectan a mesma norma.

Para dar unha idea do volume de tiburóns que comercializa Vigo, nos últimos anos subastáronse na lonxa do Berbés case 3.000 toneladas anuais, cun precio por riba dos 6 millóns de euros. Boa parte destas subastas corresponden a buques portugueses que escollen Vigo para desembarcar.

A diferenza de prezo entre a aleta e o resto do corpo do tiburón é astronómica. Algúns proxectos científicos tentan aproveitar os descartes. Un bó exemplo é a investigación que desenvolve a Universidade de Vigo para empregar os dentes de tiburón para implantes dentais en humanos.

O informe alerta tamén sobre especies comerciais como a gallineta

Ademais da alerta sobre os tiburóns, outros exemplares clasificados como ameazados son especies comerciais de profundidade, como o granadeiro e a gallineta, o abadexo, e peixes planos como o fletán atlántico e o rodaballo.

Ademais da sobrepesca, a construción costeira, a produción de enerxía, a minaría e a contaminación son as principais ameazas para os peixes. O informe destaca ademais que o Mediterráneo é o mar onde se encontra o maior número de especies ameazadas, ademais do litoral oeste da península ibérica, nomeadamente Galicia, e as illas portuguesas e españolas próximas á costa occidental de África.

A nova Lista Vermella é a avaliación máis completa que se realizou ata a data e inclúe 1.220 especies mariñas, a totalidade das que se atopan en augas europeas. En conxunto, o informe sinala que o 7,5% dos peixes mariños están ameazados de extinción na UE. Non obstante, esta cifra podería ser moito máis elevada, xa que a información é insuficiente para máis do 20% das especies.

Esta eiva nos datos tamén afecta aos estudos sobre a tendencia poboacional, pois o 68,4% das especies non puideron ser avaliadas. Das si analizadas, o 8,4% encóntranse en declive, o 21,5% son estables e o 1,7% están a crecer.

Podes consultar o informe da Comisión Europea
Neste enlace da European Red List of Marine Fishes

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.