A investigación estuda a alimentación do plancto nos océanos.

A investigación estuda a alimentación do plancto nos océanos.

O plancto dos océanos ten unha alimentación moi homoxénea

Unha investigación do Centro Oceanográfico da Coruña analiza as mostras da expedición Malaspina

Un estudo realizado por investigadores do Centro Oceanográfico da Coruña en colaboración cos Centros Oceanográficos de Xixón e Canarias do Instituto Español de Oceanografía (IEO), a Universidade de Vigo, AZTI e a Universidade de California en Santa Cruz (Estados Unidos) analiza os patróns de variabilidade nas fontes de nutrientes e a complexidade da rede trófica planctónica (é dicir, o conxunto de relacións alimentarias que se dan entre as especies dun ecosistema, neste caso no plancto) a distintas escalas espaciais.

O estudo realizouse durante a circunnavegación Malaspina-2010 que percorreu as áreas centrais dos océanos Atlántico, Índico e Pacífico en dous buques oceanográficos: Sarmiento de Gamboa e BIO Hespérides. Recolléronse mostras de cinco clases de tamaño de plancto e tomáronse medidas ambientais como a temperatura, a salinidade e a concentración de nutrientes que se relacionaron coa biomasa e composición química do plancto. Como un indicador da orixe do alimento do plancto utilizouse a medida de isótopos estables de nitróxeno, unha análise que permite coñecer a procedencia da materia orgánica que forma parte dun organismo.

A expedición Malaspina deu a volta ao mundo no 2010 recollendo mostras

Os resultados obtidos suxiren unha elevada homoxeneidade xeográfica na transferencia neta de nitróxeno a niveis superiores da rede trófica ao considerar grandes escalas espaciais (máis de 5000 km). A análise dos modelos de tamaño revelouse como unha ferramenta práctica para estimar as fontes de nitróxeno inorgánico e a súa transferencia neta na rede trófica polo que esta ferramenta estatística poderá ser aplicada ao plancto doutras rexións.

Os resultados deste estudo forman parte de varios artigos e comunicacións científicas e están incluídos na tese doutoral de Carmen Mompeán de la Rosa titulada “Patróns macroecolóxicos de variabilidade trófica no plancto oceánico” e dirixida por Antonio Bode Riestra, que foi defendida con éxito na Universidade de Murcia o día 5 de febreiro de 2016. Esta tese realizouse grazas a unha bolsa-contrato de catro anos no Centro Oceanográfico da Coruña.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.