Venres 29 Marzo 2024

O peixe espada, unha “mina” de proteínas e vitaminas

Mariñeiros e científicos, xuntos falando de mar. Porque este mércores se presentou na Facultade de Ciencias do Campus de Ourense a publicación Pez espada: pesca, composición, química y valor nutricional, un estudo realizado pola Área de Tecnoloxía dos Alimentos da Universidade de Vigo, en colaboración coa Organización de Palangreiros Guardeses (Orpagu). Este traballo é a culminación da colaboración entre as dúas partes, que naceu no 2012 a raíz dun proxecto de I+D que tiña como obxectivo optimizar o proceso para obter unha conserva de peixe espada de calidade que permitise diversificar e dar valor engadido a este produto e sector.

“Este proxecto e esta publicación son unha demostración de como entre o mar e a universidade somos capaces de facer traballos de máximo nivel internacional”, destacou durante a presentación da publicación Joaquín Cadilla, presidente da Organización de Palangreiros Guardeses.

Publicidade

O estudo profundou na produción de peixe espada en conserva

O libro presentado este mércores tamén recolle información sobre a composición e o valor nutritivo do peixe espada, co fin de mostrar os beneficios do seu consumo. “Trátase dun peixe semigraxo e cun alto valor proteico. O equilibrio dos seus aminoácidos e, en particular, a elevada relación entre os esenciais e o non esenciais, determina a excelente calidade do peixe espada como alimento”, apúntase na publicación. É tamén, engaden as autoras do libro, importante destacar o seu contido en ácidos graxos omega 3, así como en vitaminas B e B3, entre as hidrosolubles, e en vitaminas A e D, entre as liposolubles. Deste xeito, recóllese na publicación, o achegue desta última nunha ración de peixe espada é máis de tres veces o recomendado como inxesta diaria. Respecto aos minerais, o selenio contido nunha única ración de peixe espada cobre máis do 100% da cantidade recomendada ao día. “A información desta publicación quere mostrar as calidades nutritivas dun produto de consumo mundial, así como o esforzo e o traballo que se esconde trala pesca e comercialización do peixe espada”, comentou Inmaculada Franco, unha das autoras da publicación, xunto a Noemí Cobas e Sidonia Martínez.

España é o primeiro produtor de peixe espada, cun 28,4% das capturas mundiais

A publicación recolle os estudos preliminares feitos no proxecto, titulado Optimización tecnolóxica para a valorización e aproveitamento de subprodutos do peixe espada. “Esta é unha mostra dos bos resultados que pode dar a relación entre empresa e universidade”, recalcou Francisco Javier Rajo, director de Infraestruturas e Desenvolvemento do campus. “Para nós foi moi importante dar este paso de traballar coa universidade”, engadiu Joaquín Cadilla, que fixo fincapé na satisfacción de ver como “mesturando o que sabemos nós, que somos os mariñeiros, co que sabe a universidade” tamén desde Galicia se pode facer I+D relevante para o sector.

Para esta organización, a Área de Tecnoloxía dos Alimentos, comentou Inmaculada Franco, analizou a composición bioquímica e microbiolóxica de mostras de peixe espada de diferentes pesos e océanos para seleccionar as de mellores características e fixo a optimización do proceso produtivo para obter unha conserva de calidade, dando resposta ás deficiencias detectadas por Orpagu. nas primeiras conservas elaboradas. A conserva, apuntan desde a organización, ten na actualidade moi boa acollida, especialmente en tendas especializadas polo súa calidade e diferenciación.

Na actualidade, explicouse durante a presentación do libro no Edificio Politécnico, España é o primeiro produtor de peixe espada, representando o 28,4% das capturas mundiais. Neste contexto, Orpagu., indicaron os seus responsables, é a asociación española con máis palangreiros dedicados á pesca desta especie e de especies afíns, cunha cifra que en 2015 ascendeu a 36 palangreiros que capturaron arredor de cinco millóns de quilos deste peixe polos diferentes océanos.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un proxecto galego impulsa a sustentabilidade do sistema alimentario a través da IA

O proxecto no que participan USC e UVigo acometerá a crise do sector co apoio do Programa Marco ‘Horizonte Europa’

Cal é o alimento que desencadea o pracer nos peixes?

Coñecer os mecanismos de motivación pola comida podería mellorar a eficiencia económica das empresas dedicadas á acuicultura

Os grelos poden previr o cancro? Estudan a dieta atlántica como vía terapéutica

Unha revisión analiza as propiedades farmacolóxicas dos alimentos consumidos no sur de Europa que poderían ter propiedades antitumorais