Sábado 20 Abril 2024

O proxecto Life Seacan inicia as mostraxes do impacto ambiental das conserveiras

Cun orzamento de 1,7 millóns de euros e cofinanciado nun 60% pola Comisión Europea, a finais de 2015 botou a andar o proxecto Life Seacan co obxectivo de demostrar a aplicación de dúas tecnoloxías baseadas en procesos de biopelícula para o tratamento de augas residuais procedentes da actividade industrial conserveira de peixe. Polo momento aínda non se decidiu de forma definitiva que conserveira albergará o prototipo –o prazo de execución do proxecto é de tres anos e medio-, pero o equipo da Universidade de Vigo que está a participar no proxecto leva desde o pasado mes de marzo realizando mostraxes preliminares co obxectivo de comezar a pór a proba esta metodoloxía, valorar o posible impacto ambiental dun emisario destas características e ter unha idea da variabilidade temporal dos resultados.

Marina Gómez, investigadora da UVigo.
Marina Gómez, investigadora da UVigo.

É unha das novidades das que se informou este venres no workshop de presentación dun proxecto, Life Seacan, que está coordinado pola empresa Cetaqua Galicia, e no que participan como socios, ademais da propia institución académica viguesa, a Universidade de Santiago de Compostela e Cetaqua Barcelona, entidades que contan tamén coa colaboración da Asociación Nacional de Conservas de Pescado, Anfaco-Cecopesca, cuxo secretario xeral, Manuel Vieites, participou tamén neste encontro.

Publicidade

A cita tivo lugar na Estación das Ciencias Mariñas de Toralla e nela participaron especialistas da maior parte das entidades participantes. Encargáronse de darlles a benvida o director do centro, Jesús Souza Troncoso, profesor do Departamento de Ecoloxía e Bioloxía Animal e un dos investigadores implicados no proxecto, e o director do Campus do Mar, Emilio Fernández. “Agardamos que os resultados do proxecto contribúan a solucionar, se é posible, o problema dos vertidos da industria conserveira e, se non, ao menos que axuden a mellorar dunha forma substancial a calidade das augas destes vertidos”, indicou o principal responsable de Campus do Mar, que se referiu a esta problemática como un tema “clave” polas súas implicacións tanto a nivel ecolóxico como económico, xa que estes vertidos se fan a un ben común, o sistema acuático, con multiplicidade de usos: extracción de recursos, turismo, conservación natural… “Si actuamos con intelixencia temos suficiente talento dentro do noso sistema como para visibilizarnos internacionalmente e liderar algunhas das áreas de relevancia neste campo”, indicou Fernández.

Cetaqua, Anfaco, a USC e a UVigo participan neste proxecto investigador

Dentro do Proxecto Life Seacan, a Universidade de Vigo é o socio responsable dunha das accións de implementación do mesmo. Esta acción consiste na análise do ecosistema bentónico (o asociado ao fondo mariño) na zona potencialmente afectada polo emisario que verte as augas residuais da planta conserveira na que se instale o prototipo de depuradora. Os obxectivos desta acción son detectar e valorar se no ecosistema existe ou non un impacto causado polo vertido de augas residuais e, no caso de que exista tal impacto, identificar que factores ou características do vertido están afectando ao ecosistema. Ademais trátase tamén de valorar o efecto do emprego dos novos sistemas de depuración na mellora das condicións ambientais da zona. “Deste xeito, a acción liderada pola Universidade de Vigo facilita unha das principais medidas do impacto ambiental do proxecto”, explicou o investigador Fernando Aneiros, ao tempo que insistiu na necesidade de empregar o coñecemento xerado a través destes estudos para proporcionar ás autoridades competentes información e ferramentas que axuden a mellorar a xestión ambiental en relación a este tipo de vertidos.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

É posible cultivar ourizo de mar? Un equipo de Vigo busca alternativas para frear a sobreexplotación

Científicos do Centro de Investigacións Mariñas analizan as cinco especies de Galicia, moi pouco estudadas ata o de agora

Unha nova campaña afonda nos vestixios romanos da illa de Ons

Arqueólogos da UVigo desenvolven nesta semana unha intervención na factoría de salga da praia Canexol, descuberta recentemente

O Aquarium da Coruña acolle polbos criados en catividade

Na sala Maremagnum poden verse cinco exemplares de arredor de 10 centímetros, que forman parte dun proxecto do IIM e a UVigo

O maior estudo dos fondos da enseada de Samil, nunha prestixiosa revista

Científicos do Centro de Investigación Mariña de Vigo analizan o posible impacto do novo emisario no "Journal of Marine Science and Engineering"