Venres 29 Marzo 2024

O Oceanográfico da Coruña descobre o segredo do 'mar dos namorados'

Un dos segredos do mundo mariño nunca visto antes era o cortexo do peixe espada. Até o de agora, ninguén puidera documentar graficamente este fenómeno. Agora, científicos do Instituto Español de Oceanografía da Coruña revelaron ó mundo como é o comportamento reprodutivo deste animais, nun documento científico no que inclúen as primeiras fotografías dun macho cortexando a unha femia. O momento é tan conmovedor como dramático: as imaxes foron tomadas polos científicos a uns dez metros de profundidade no preciso intre no que a femia é capturada por un barco pesqueiro cando está a piques de poñer millóns de ovos para a súa fecundación ó tempo que o macho se despraza arredor dela sen deixar de cortexala mentres é izada desde o barco.
O estudo é obra de Jaime Mejuto e Blanca García-Cortés e foi publicado orixinalmente na última edición da Revista de Biología Marina y Oceanografía, e conclúe que “o complexo proceso reprodutivo desta especie apunta á existencia de rituais de cortexo que explicarían o seu patrón migratorio e a estratificación segndo tamaño-sexo-área”Agora, foi a publicación Scientific American a que difundiu este valioso achado.

Ritual de cortexo do peixe espada
Femia de peixe espada, coas gónadas moi maduras próximas á posta de ovos, coa súa cavidade visceral visiblemente dilatada. Ó fondo, un macho cortexándoa. Crédito: Mejuto & García-Cortés 2014.

Segundo os autores do estudo, estas imaxes veñen a confirmar aqueles relatos de mariñeiros galegos da pasada década dos anos 80, que contaban que cando capturaban femias de peixe espada a piques de poñer ovos, esta mesa escea dramática repetíase, cun ou varios machos arredor dela e que mesmo chegaban a permanecer arredor dos barcos durante varios minutos, como amantes resignados a perder a súa parella sexual, xa capturada. Aquelas esceas levaron ós pescadores galegos a bautizar as augas de intensa actividade reprodutiva no Atlántico como “o mar dos namorados”.
O propio doutor George Tserpes, do Centro Helénico de Investigaciones Mariñas de Grecia e presidente do grupo de traballo do peixe espada da Comisión Internacional para a Conservación do Atún Atlántico (ICCAT), comentou a American Scientific que “as imaxes son asombrosas” e salientou que o traballo dos investigadores do IEO da Coruña “contribúe ós esforzos para o manexo racional deste recurso pesqueiro”.
Con todo, aínda queda moito por investigar. De feito, Mejuto admite á revista norteamericana que aínda se descoñecen os detalles íntimos do cortexo do peixe espada.
O estudo do Instituto Español de Oceanografía da Coruña baséase no rexistro de 40.848 exemplares de peixe espada capturados por palangreiros españois entre os anos 1995 e 2003, dos que se analizaron 18.279 femias en termos dos seus parámetros de reprodución. Os científicos atoparon, por exemplo, que en áreas de moita actividade reprodutiva, poden haber até entre dous e catro machos por cada femia de calquera tamaño. Din descoñecer, polo momento, se se dá algún tipo de selección previa de exemplares por parte das femias, pero non desbotan que se puidese dar algún tipo de selección ou mesmo de competencia e descarte entre machos, explican á revista americana.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un traballo da UDC sobre investigación básica en epilepsia gaña o Epiforward 2024

O equipo conseguiu reducir a actividade cerebral grazas á aplicación de campos magnéticos en áreas concretas do cerebro

Científicos galegos participan no primeiro mapa español de bacterias resistentes aos antibióticos

A base de datos en liña proporciona o perfil xenómico de 461 cepas, procedentes de 41 hospitais situados en 13 rexións de España

As infeccións de transmisión sexual entre menores de 18 anos medran un 37% en España

O XIV Congreso Nacional GeSIDA celebrado na Coruña reúne a centos de expertos que debatirán sobre os avances e retos no ámbito do VIH

Os Museos Científicos Coruñeses programan do 11 ao 19 de novembro a Semana da Ciencia

Co obxectivo de atender a elevada demanda de visitas, este ano prolónganse durante dúas fins de semana as celebracións da Semana da Ciencia