Xoves 28 Marzo 2024

O mexillón salvaxe revela a mellor saúde do mar en Galicia que no Cantábrico

Un estudo realizado polo Instituto Español de Oceanografía (IEO) e a Universidade de Vigo avaliou a contaminación de máis de 2.500 quilómetros de litoral na costa norte e noroeste española; dende a desembocadura do Miño, na fronteira con Portugal, ata a do Bidasoa (fronteira con Francia).

O traballo, que se publicou na revista Marine Environmental Research, analizou as respostas bioquímicas e fisiolóxicas de poboacións salvaxes de mexillón (Mytilus galloprovincialis) ante a contaminación. Estes mexillóns salvaxes non son comerciais, polo que neste estudo non se analizaron criterios relacionados co consumo humano.

Publicidade

Esta especie é un animal modelo en estudos sobre contaminación debido a que é un organismo filtrador, ubicuo e sésil, isto é, que vive amarrado a un sustrato, como unha rocha, por exemplo. Ademáis, ten capacidade para acumular concentracións elevadas de contaminantes, sinala a institución.

A contaminación é maior no Cantábrico e medra preto das grandes cidades

A aplicación de técnicas biolóxicas e análises químicas permitiu identificar sitios contaminados e cuantificar o nivel de toxicidade. Encontráronse niveis elevados de contaminantes en poboacións de mexillón situadas preto das principais cidades e zonas industrializadas e, en xeral, as concentracións media foron maiores na zona do Cantábrico.

Ademais, os científicos identificaron metais traza, como o mercurio e o chumbo, e contaminantes orgánicos -como os bifenilos policlorados, os pesticidas organoclorados e os éteres de bifenilospolibromados-, responsables, polo menos en parte, da toxicidade observada nas poboacións de mexillón.

Un paso máis para avaliar o mar

“Estes datos contribúen a establecer o nexo entre a presenza de contaminantes químicos e os efectos nocivos nos ecosistemas mariños”, explica Juan Bellas, autor principal do traballo. Non obstante, “a alteración das respostas biolóxicas provocadas polos contaminantes parece estar enmascarada por variables biolóxicas como a idade e a condición do mexillón, que teñen un efecto sobre a resposta dos mexillóns á contaminación,” engade.

Como conclusión xeral, os autores poñen de manifesto que, para unha correcta avaliación da contaminación mariña, é preciso incorporar a análise doutras variables ambientais neste tipo de estudos. As respostas á contaminación deben ser examinadas nun amplo rango de condicións ambientais. Así que o estudo da Universidade de Vigo e o IEO é un paso máis cara un coñecemento global da saúde do noso mar.

Ver a publicación na revista Marine Environmental Research

3 COMENTÁRIOS

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un proxecto europeo busca reducir a captura accidental de especies protexidas no Atlántico

Investigadoras do IEO liderarán un dos casos de estudo dirixido a mitigar a captura de quenllas e tiburóns nas pesqueiras de atún

Que é o colapso das correntes atlánticas e como afectará a Galicia

Unha investigación publicada en 'Science Advances' anticipa o freo da ciruclación oceánica e advirte das súas consecuencias climáticas

O déficit de transporte de humidade do Atlántico triplica a posibilidade de seca en Galicia

A investigación realizada na Universidade de Vigo foi publicada na revista ‘Nature Water’

As correntes afastan os ‘pellets’ da costa galega cara ao interior do Atlántico

Un grupo de investigación canario que modeliza a vertedura prevé unha forte diminución de granulados no litoral