O mexillón salvaxe é un dos mellores bioindicadores. Foto: IEO.

O mexillón salvaxe é un dos mellores bioindicadores. Foto: IEO.

O mexillón salvaxe revela a mellor saúde do mar en Galicia que no Cantábrico

Un estudo da Universidade de Vigo e do IEO analiza a calidade das augas en 2.500 quilómetros de costa

Un estudo realizado polo Instituto Español de Oceanografía (IEO) e a Universidade de Vigo avaliou a contaminación de máis de 2.500 quilómetros de litoral na costa norte e noroeste española; dende a desembocadura do Miño, na fronteira con Portugal, ata a do Bidasoa (fronteira con Francia).

O traballo, que se publicou na revista Marine Environmental Research, analizou as respostas bioquímicas e fisiolóxicas de poboacións salvaxes de mexillón (Mytilus galloprovincialis) ante a contaminación. Estes mexillóns salvaxes non son comerciais, polo que neste estudo non se analizaron criterios relacionados co consumo humano.

Esta especie é un animal modelo en estudos sobre contaminación debido a que é un organismo filtrador, ubicuo e sésil, isto é, que vive amarrado a un sustrato, como unha rocha, por exemplo. Ademáis, ten capacidade para acumular concentracións elevadas de contaminantes, sinala a institución.

A contaminación é maior no Cantábrico e medra preto das grandes cidades

A aplicación de técnicas biolóxicas e análises químicas permitiu identificar sitios contaminados e cuantificar o nivel de toxicidade. Encontráronse niveis elevados de contaminantes en poboacións de mexillón situadas preto das principais cidades e zonas industrializadas e, en xeral, as concentracións media foron maiores na zona do Cantábrico.

Ademais, os científicos identificaron metais traza, como o mercurio e o chumbo, e contaminantes orgánicos -como os bifenilos policlorados, os pesticidas organoclorados e os éteres de bifenilospolibromados-, responsables, polo menos en parte, da toxicidade observada nas poboacións de mexillón.

Un paso máis para avaliar o mar

“Estes datos contribúen a establecer o nexo entre a presenza de contaminantes químicos e os efectos nocivos nos ecosistemas mariños”, explica Juan Bellas, autor principal do traballo. Non obstante, “a alteración das respostas biolóxicas provocadas polos contaminantes parece estar enmascarada por variables biolóxicas como a idade e a condición do mexillón, que teñen un efecto sobre a resposta dos mexillóns á contaminación,” engade.

Como conclusión xeral, os autores poñen de manifesto que, para unha correcta avaliación da contaminación mariña, é preciso incorporar a análise doutras variables ambientais neste tipo de estudos. As respostas á contaminación deben ser examinadas nun amplo rango de condicións ambientais. Así que o estudo da Universidade de Vigo e o IEO é un paso máis cara un coñecemento global da saúde do noso mar.

Ver a publicación na revista Marine Environmental Research

3 respostas a “O mexillón salvaxe revela a mellor saúde do mar en Galicia que no Cantábrico”

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.