Instalacións do Centro Oceanográfico de Vigo

Instalacións do Centro Oceanográfico de Vigo

Medalla Castelao para o Centro Oceanográfico de Vigo

O centro investigador cumpre cen anos de historia e recibe a gran distinción de Galicia

O Centro Oceanográfico de Vigo recibirá a medalla Castelao, a distinción que concede a Xunta de Galicia, previa proposta de institucións ou entidades galegas, en recoñecemento a unha traxectoria destacada a prol do país. Pertencente ao Instituto Español de Oceanografía (IEO), o Oceanográfico de Vigo foi fundado hai un século, no que se consolidou como unha referencia internacional no estudo dos mares. Recentemente, tamén recibiu a Medalla da cidade de Vigo. A distinción será entregada, como cada ano, o vindeiro 28 de xuño, data que coincide co regreso dos restos mortais de Castelao a Galicia en 1984.

Fisicamente, a Medalla Castelao mide 50 mm no seu eixo maior e 36 no menor. Reproduce no anverso a cruz deseñada por Castelao para As cruces de pedra na Galiza, sobre fondo azul, e a lenda “Deus fratresque Gallaeciae“; e no reverso o nome da persoa distinguida e a data de concesión. A medalla vai pendurada cun cordón trenzado en branco e azul.

A Xunta destaca o seu traballo de formación de investigadores sobre medio mariño

A Xunta destacou que o Centro Oceanográfico de Vigo “leva a cabo un importante traballo de formación de investigadores e técnicos sobre o medio mariño, polo que é moi habitual que estudantes de FP realicen prácticas na institución. Tamén é habitual ver traballando alí a profesionais doutras institucións nacionais e internacionais”.

Ademais, salientou que “desenvolve a súa actividade investigadora no ámbito dos recursos mariños, dos problemas relacionados coa oceanografía e a contaminación do medio mariño. Na actualidade o Centro Oceanográfico de Vigo é o máis grande dos nove centros do Instituto Español de Oceanografía cun equipo de 119 persoas e forma parte do Campus de Excelencia Internacional Campus do Mar“.

Os outros galardoados este ano coa Medalla Castelao son o presentador de televisión Xosé Ramón Gayoso, o Grupo Nove -que reúne a cociñeiros destacados do país-, a gaiteira Cristina Pato, e o intelectual Justo Beramendi.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.