Sábado 20 Abril 2024

O científico Gonzalo Mucientes pide en ‘Science’ unha maior protección para o marraxo azul

O marraxo azul (Isurus oxyrinchus), é un dos peixes máis rápidos do océano, xa que pode acadar velocidades superiores aos 70 quilómetros por hora. Mide ata catro metros de lonxitude, e é unha especie apreciada nalgúns mercados pola súa carne e as súas aletas, o que o converte na segunda especie máis cazada de tiburón. Cada ano, no Atlántico Norte, estímase que se capturan unhas 3.300 toneladas, que veñen sendo uns 130.000 exemplares. Actualmente, segundo a Unión Internacional para a Conservación da Natureza (IUCN), a situación do marraxo azul é vulnerable.

Ante esta situación, o biólogo galego Gonzalo Mucientes, membro do grupo Ecoloxía Azul, asina esta semana unha carta na revista Science, xunto aos seus colegas David W. Sims e Nuno Queiroz, na que piden ás autoridades reguladoras que tomen medidas para frear o declive do marraxo azul. “Non esiximos o fin da pesca, o que poñemos sobre a mesa é que sexa regulada, e que isto tamén afecte ás frotas estranxeiras que pescan en augas internacionais”, explica Mucientes.

Publicidade

A ausencia de cotas de pesca está provocando o declive de poboacións da especie

A ausencia de cotas internacionais de pesca está provocando que nos últimos decenios estean diminuíndo as poboacións do marraxo azul e outras especies de tiburóns. Alén disto, a ausencia de datos precisos sobre o número e a distribución dos exemplares impediu establecer medidas de xestión para facer máis sostible a súa explotación. Na súa reunión de novembro de 2017, a Comisión Internacional para a Conservación do Atún Atlántico (ICCAT) estableceu unha serie de recomendacións, entre as que se atopaba a redución da pesca do marraxo azul a unhas 500 toneladas, ou menos, no Atlántico Norte, para previr que as poboacións da especie se sigan reducindo. E acordouse unha recomendación – pero non esixencia – de devolver ao mar o exceso de exemplares que foran capturados vivos.

Algo que, segundo explican os científicos en Science, non ten efectos prácticos, xa que os países membros da ICCAT non acordaron un tope de capturas para o marraxo azul no Atlántico Norte. Ante isto, os investigadores explican que, considerando que os pesqueiros devolvesen ao mar o 80% dos marraxos azuis capturados segundo os datos de 2016 (3.146 toneladas declaradas), cumprirían coas recomendacións da ICCAT, pero non sería suficiente. Estímase que un 30% destes exemplares (755 toneladas) morrería pouco despois da devolución ao mar. Deste xeito, aínda habería, por tanto, preto de 1.400 toneladas anuais de marraxos mortos, unha cantidade que case triplica as recomendacións da comunidade científica.

Aínda así, parte do dano xa está feito. Dando por feito que se estableza un tope de 500 toneladas anuais, a posibilidade da recuperación das poboacións de marraxo azul é de só o 35% no ano 2040, e medraría só ata o 54% no caso de que non houbera ningunha captura. Un ritmo “moi lento”, segundo destacan os científicos. Con todo, agardan acadar o obxectivo de que “poida chegar a ser sostible a explotación do marraxo e outras especies peláxicas”.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Ratos impotentes teñen ereccións tras aumentar unhas células do pene

A revista 'Science' publica un estudo en roedores transxénicos aos que se lles incrementou o número de fibroblastos

Berete, a innovación de non transformar os alimentos

Felipe Velasco, o director desta comercializadora de produtos do mar, sinala que a maior I+E da empresa é a aposta polo alimento natural

Aparece en Ferrol unha balea xibarte morta de case 10 metros

É o primeiro cetáceo desta especie que vara en Galicia dende 2011, e puido morrer ao quedar engachado en aparellos de pesca

Un consorcio europeo reducirá a captura accidental de especies mariñas ameazadas

O obxectivo é minimizar o dano en animais en perigo de extinción ou que na actualidade están protexidos para evitar que desaparezan