Sábado 20 Abril 2024

Científicos galegos, contra a praga que mata de fame a un molusco xigante

A nacra (Pinna nobilis) é un molusco bivalvo enorme, que pode chegar a medir 120 centímetros de lonxitude, e que só se atopa en augas do mar Mediterráneo. O seu biso é un tecido, tamén chamado seda de mar que leva sendo empregado desde a época clásica. A contaminación e a sobrepesca reduciron a súa presenza nos fondos mariños. Pero agora, a nacra enfróntase a un grave problema que podería levar mesmo á súa extinción. Investigadores mariños de varias rexións mediterráneas alertaron dunha elevadísima mortalidade da especie, segundo conta El País. E un grupo de científicos galegos conseguiu identificar a orixe do problema.

O ano pasado, o xefe de servizo de Conservación de Recursos Pesqueiros da Generalitat Valenciana, preocupado pola situación, decidiu contactar co Intecmar de Vilagarcía de Arousa, que vela pola calidade do medio mariño de Galicia. “Confiaban no noso centro para indagar na causa das mortandades”, explica a GCiencia Susana Darriba, xefa da Unidade de Patoloxía do instituto. Os resultados da investigación foron publicados na revista Journal of Invertebrate Pathology.

Publicidade

Este parasito, segundo conta Darriba, “invade a glándula dixestiva, formando esporas nos túbulos dixestivos, que é onde ten lugar a dixestión intracelular”. Por tanto, a nacra morre de fame ao non poder realizar a dixestión.

O parasito invade os túbulos dixestivos e impide que as nacras fagan a dixestión

A comezos de novembro de 2016 chegaron a Arousa as mostras das nacras. “Fixemos un ensaio histopatolóxico e verificamos, con técnicas moleculares e de microscopía electrónica, a presenza de parasitos de tipo haplosporida”, lembra a investigadora. “O máis probable é que esteamos ante unha nova especie, dentro deste tipo haplosporida, que pode estar próxima ao Haplosporidiun nelsoni, que nos anos 50 devastou unha especie de ostra na costa atlántica dos Estados Unidos con tasas de mortalidade superiores ao 90 por cento”. O parasito das nacras do Mediterráneo presentaba trazas en común co norteamericano, xa que forma as súas esporas nos túbulos dixestivos, tal e como acontecera naquel caso. Pero as análises descartaron que fora aquela especie letal nos anos 50.

E como chegou este parasito a devastar as nacras? Non se sabe con certeza. Porén, Susana Darriba presenta varias hipóteses: “Por un lado, podería especularse con que xa estivera nesas augas antes, en fases non letais, e que algún cambio ambiental facilitara a formación de esporas, que é a fase máis letal deste tipo de parasitos. Por outra banda, podería especularse con que entrase no Mediterráneo procedente doutras latitudes por movementos de partidas de moluscos ou doutros organismos mariños que sexan portadores do parasito, ou en auga de lastre”. Tampouco se pode descartar, segundo a científica do Intecmar, “que proveña dunha zona na que non causa mortalidades por non darse as condicións ambientais axeitadas para a formación de esporas, e ao acadar esta nova ubicación, se desen as condicións necesarias”.

A praga avanza sen remedio no Mediterráneo, e os científicos buscan unha solución. Non en tanto, esta é “moi difícil, senón imposible”, debido á dificultade de trataras doenzas de moluscos mariños en mar aberto, lamenta Darriba.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Ata 15 graos de diferenza entre a costa galega e o Mediterráneo español

Os ventos do norte e nordés provocan o fenómeno do afloramento en Galicia, que mantén a temperatura a auga a niveis normais, incluso nas ondas de calor

A crise climática leva ao colapso ás poboacións de coral do Mediterráneo

Un estudo liderado por científicos da Universitat de Barcelona e do CSIC advirte da complicada situación desta especie, moi afectada polas vagas de calor mariñas

Investigadores da UVigo achan os restos de dinosaurios máis grandes e completos de Italia

O estudo, con participación internacional, serve de base para reescribir algunhas hipóteses sobre como eran os ecosistemas terrestres nas illas deste arquipélago do Mediterráneo

Ciclóns no Mediterráneo: os medicanes

O quecemento global está a provocar fenómenos ata agora pouco frecuentes, como os ciclóns que se xerarán no Mediterráneo central e oriental