Traballo realizado durante a campaña do IEO. Foto: Francisco Baldó.

Traballo realizado durante a campaña do IEO. Foto: Francisco Baldó.

O IEO detecta menos pescada e máis cigala no banco de Porcupine

O buque "Vizconde de Eza" regresou o pasado sábado a Vigo despois dun mes de expedición neste caladoiro, situado ao noroeste do Gran Sol

Por decimo sétimo ano consecutivo, o Instituto Español de Oceanografía (IEO) realizou unha campaña de investigación dos recursos pesqueiros demersais (especies que viven no fondo mariño) no banco de Porcupine, situado ao oeste da illa de Irlanda, e ao noroeste do caladoiro do Gran Sol. O pasado sábado, o buque Vizconde de Eza regresou a Vigo con 18 investigadores a bordo, procedentes dos centros do IEO en Santander, Gijón, A Coruña, Vigo, Cádiz, Baleares, Murcia e Madrid.

Durante esta expedición, na que se prestou especial atención á pescada, o rape, o rapante e a cigala, observouse un descenso no índice de abundancia da pescada, o que confirma a tendencia descendente iniciada no 2015, despois do máximo histórico acadado en 2014. “Non en tanto, este ano capturamos abundantes recrutas, o que supón un dato esperanzador”, sinala Francisco Baldó, investigador do Centro Oceanográfico de Cádiz e xefe da campaña.

Na cigala rexistráronse niveis de abundancia próximos ao máximo histórico

Por outra banda está a cigala, da que se confirman os resultados positivos obtidos na campaña de 2016, con índices de abundancia similares ao máximo histórico de 2010. No caso dos rapantes e os rapes, a cantidade mantense dentro dos rangos da serie histórica.

Nesta campaña realizáronse 98 pescas, en profundidades que oscilaron entre os 180 e os 800 metros, cubrindo de xeito uniforme a área de estudo. Ademais das pescas para calcular os índices de abundancia, recolléronse mostraxes para estudar o crecemento, a reprodución, a distribución e outros aspectos biolóxicos das especies analizadas.

Tamén se recolleron datos hidrográficos das masas de auga do banco, para analizar as súas condicións oceanográficas e  a súa influencia na distribución e abundancia das especies. Con todos estes datos, o IEO investigará os parámetros que determinan a distribución das especies desta zona, o que permitirá mellorar a xestión do ecosistema desde o punto de vista pesqueiro.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.