Fran Ramil e Ana Ramos con investigadores do Departamento de Ecoloxía e Bioloxía Animal da UVigo.

Fran Ramil e Ana Ramos con investigadores do Departamento de Ecoloxía e Bioloxía Animal da UVigo.

IEO e Universidade de Vigo estudan ecosistemas ameazados en África

A campaña científica, a bordo dun buque noruegués, busca protexer a biodiversidade dentro do proxecto de investigación EcoAfrik

O buque noruegués Dr. Fridtjof Nansen.

O buque noruegués Dr. Fridtjof Nansen.

Analizar os Ecosistemas Mariños Vulnerables (EMVs) é o obxectivo da campaña que investigadores do proxecto EcoAfrik desenvolverán ata mediados do mes de febreiro en augas do Atlántico suroriental, fronte ás costas de Sudáfrica e Namibia. Persoal investigador coordinado por Ana Ramos do Centro Oceanográfico de Vigo, que inclúe unha representación da Universidade de Vigo, liderada polo profesor do Departamento de Ecoloxía e Bioloxía Animal Fran Ramil, participa nesta campaña, froito da cooperación entre a SEAFO, a comisión da FAO para a organización das pesquerías no Atlántico suroriental, o proxecto EAF-Nansen e o programa Deep-sea da FAO para acadar os obxectivos da Asemblea Xeral das Nacións Unidas e as correspondes directrices da FAO en relación coa conservación de ecosistemas mariños e a regulación da pesca no fondo en alta mar.

“A finais do pasado ano a FAO invitounos a participar nesta campaña a bordo do buque oceanográfico noruegués Dr. Fridtjof Nansen, no que xa traballaramos nos anos 2011 e 2012 no NW de África”, explica Fran Ramil que xunto a tamén investigadora Marta Gil, integran a representación da Universidade de Vigo neste proxecto, liderado polo investigador noruegués Odd Aksel Bergstad. Foi a propia FAO a que contactou con Ana Ramos para ofrecer a este equipo a responsabilidade do estudo dos invertebrados bentónicos que se recollan nos arrastres de fondo e da identificación e delimitación mediante prospección con vídeo submarino dos EMVs que se localicen na zona SEAFO durante a campaña.
Ramil será o responsable a bordo do estudo e da análise das imaxes submarinas, unha información que axudará a analizar a idoneidade dos actuais peches de EMV,s, levadas a cabo exclusivamente a partir de características morfolóxicas e afinidade bioxeográfica, ao tempo que servirá para implementar a protección dos recursos mariños e mellorar as medidas de xestión pesqueira encamiñadas á protección da biodiversidade e os ecosistemas en augas profundas do Atlántico suroriental.

A campaña analizará a presenza de pescada negra austral no sur de África

Durante a campaña, que arrancaba o pasado día 15 do porto de Cidade do Cabo, en Sudáfrica, analizarase a presenza e abundancia de peixes bentopeláxicos (pescada negra austral e alfonsiño, entre outros) e epibentos sésil, incluíndo as especies indicadoras de Ecosistemas Mariños Vulnerables como corais de augas frías, esponxas, gorgonias, tanto en zonas de pesca seleccionadas, como en áreas pechadas á mesma.

Zona da campaña de investigación do proxecto EcoAfrika.

Zona da campaña de investigación do proxecto EcoAfrika.

“Para nós esta invitación da FAO e tamén do Institut of Marine Research de Bergen, Noruega, cos que xa colaboramos nos anos 2011 e 2012 no proxecto Canary Current Large Marine Ecosystem, representa o recoñecemento do labor que estamos a realizar no estudo dos invertebrados das costas occidentais de África dende o ano 2004, tanto no eido científico como no da formación de persoal investigador na rexión”, sinala Fran Ramil. Os investigadores de EcoAfrik tamén participaron no ano 2009, por encargo da SEAFO, na elaboración dunha guía de identificación de corais e esponxas para uso de observadores embarcados en buques comerciais neste área de pesca.

Ata o de agora en augas de alta mar de SEAFO identificáronse 13 áreas mariñas vulnerables, das que unha decena están pechadas á pesca con artes de fondo. Aínda que seis delas se consideran como inexplotadas, outras catro, as montañas submariñas Dampier, Malahit Guyot, Molloy e Vema, xa sufriron algún tipo de explotación. Tres zonas máis, os bancos de Valdivia e Ewing e a montaña Meter, foron propostas para o seu peche, aínda que permanecen abertas á pesca.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.