Ángeles Alvariño faleceu en La Jolla (California) no 2005.

Ángeles Alvariño faleceu en La Jolla (California) no 2005.

O IEO publica a biografía de Ángeles Alvariño no centenario do seu nacemento

A científica, nacida en Serantes (Ferrol) o 3 de outubro de 1916, foi unha pioneira a nivel mundial no eido da oceanografía

Este luns 3 de outubro Ángeles Alvariño González tería cumprido cen anos. Nacida en Serantes (Ferrol) en 1916, esta oceanógrafa galega foi a primeira investigadora mariña española de relevancia mundial. Ao longo da súa traxectoria, centrada no estudo dos quetognatos, animais mariños planctónicos, Alvariño publicou máis de cen traballos científicos de primeiro nivel en publicacións internacionais. Demostrou a utilidade dos quetognatos como indicadores de determinadas condicións oceanográficas e descubriu e describiu 22 novas especies, entre outros moitos logros.

Foi a primeira científica que subiu a bordo dun barco británico de investigación

Para conmemorar a efeméride, o Instituto Español de Oceanografía publica a súa biografía, que pode descargarse de forma gratuíta neste enlace. Nesta obra, que leva por título Ángeles Alvariño González, investigadora marina de relevancia mundial, o autor, Alberto González-Garcés, investigador do Centro Oceanográfico de Vigo, fai un percorrido pola traxectoria da científica ferrolá. Alvariño comezou a súa carreira no IEO, onde estivo entre 1948 e 1957. O seu traballo continuou no Reino Unido e os Estados Unidos, na Scripps Institution of Oceanography (1958 – 1969) e no Southwest Fisheries Research Center (1970 – 1987), ambos na localidade californiana de La Jolla, en San Diego. Despois da súa xubilación, en 1987, seguiu traballando e publicando como investigadora emérita. Faleceu o 29 de maio de 2005 en La Jolla.

Ángeles Alvariño foi unha pioneira na actividade feminina na oceanografía. No ano 1954 converteuse na primeira muller que subiu a bordo dun barco británico de investigación. No 1993 recibiu a Medalla de Prata da Xunta de Galicia. No 2012, o IEO bautizou co seu nome un dos barcos máis avanzados da súa frota, e no 2015, a Real Academia Galega das Ciencias dedicoulle o Día da Ciencia en Galicia.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.