Robert Sténuit co seu equipo de mergulladores en Vigo, na década dos 50.

Robert Sténuit co seu equipo de mergulladores en Vigo, na década dos 50.

Historia e ciencia, na Semana de Cine Submarino de Vigo

Na 25 edición do certame participa o arqueólogo submarino Robert Sténuit, investigador dos galeóns da batalla de Rande

A Semana de Cine Submarino cumpre un cuarto de século. Atrás quedan 24 edicións dedicadas a amosar ao público todas as caras que presenta o mundo submarino, a través da obra dos máis destacados realizadores, con especial protagonismo das producións galegas. O que comezou sendo un espazo destinado a amosar os diaporamas que o fotógrafo submarino e dende entón director da semana, José Luis González, realizaba, converteuse co paso dos anos na cita de referencia en España para os e as amantes do cine submarino, que neste 2015 poderán gozar dun programa no que historia, ciencia e ficción daranse cita entre os días 25 ao 27 de novembro.

José Luis González, xunto a Dolores Vázquez (UVigo) e María Teresa Fernández (AFundación).

José Luis González, xunto a Dolores Vázquez (UVigo) e María Teresa Fernández (AFundación).

Organizada pola Vicerreitoría de Extensión Universitaria co patrocinio de Afundación, a XXV edición da Semana de Cine Submarino acollerá a estrea do documental ‘Un espectador vulnerable’, dirixido polo investigador do CSIC Ángel Guerra, que se centra en amosar a riqueza mariñas das Illas Cies, con especial atención aos cefalópodos e en especial ao polbo. A presenza do veterano arqueólogo submarino Robert Sténuit, que na década de 1950 tomou parte na derradeira expedición de mergulladores que buscaron os restos dos galeóns afundidos en 1702 na batalla de Rande, é un dos pratos fortes desta edición da Semana, que tamén contará coa participación do realizador británico Mike Valentine, autor das escenas acuáticas de máis de 80 películas, entre as que se atopan varias da saga de James Bond ou A guerra das galaxias. A última produción do realizador vigués Jorge Candán, O legado das rías galegas, e o documental xaponés sobre o kraken, ‘Lenda das profundidades: A lura xigante’, completan o programa desta edición da Semana de Cine Submarino, que este ano inclúe tamén unha exposición de fotografía, composta por unha trintena de imaxes tomadas pola expedición na que participou Robert Sténuit e que dirixiu o mergullador John S. Potter.

O investigador do CSIC Ángel Guerra presenta un documental sobre as illas Cíes

As proxeccións e posteriores coloquios cos realizadores celebraranse todos os días a partir das 20:00 horas no Teatro de Afundación, que tamén acollerá en sesión matinal pases para escolares. Pola súa banda a exposición fotográfica poderá visitarse no vestíbulo do Centro Cultural Afundación.

A proxección do documental ficcionado ‘Os buscadores do tesouro da Ría de Vigo‘ abrirá o mércores día 25 as proxeccións da XXV Semana de Cine Submarino, que este ano conta co arqueólogo Robert Sténuit como invitado de honra. “Sténuit é a máxima autoridade para falar dos galeóns de Rande e do Santo Cristo de Maracaibo”, asegurou José Luis González, director da Semana, que se referiu ao documental co que se abrirá a Semana como “o primeiro de imaxes submarinas de España”. Ese mesmo día proxectarase o último traballo de Jorge Candán, premiado no Festival de Cine Submarino de Donosti, O legado das rías galegas, no que o realizador, que contou co apoio económico da marca de conservas galega Frinsa, percorre o fondo das rías para amosar algúns dos aspectos máis descoñecidos das especies que nelas habitan. Candán será ese día o protagonista do debate que terá lugar unha vez finalizadas as proxeccións.

Mike Valentine, xunto a Clint Eastwood.

Mike Valentine, xunto a Clint Eastwood.

Ao día seguinte os cefalópodos serán os grandes protagonistas da xornada coa proxección, primeiro co documental xaponésLendas das profundidades: A lura xigante e a continuación de ‘Un espectador vulnerable’ de Ángel Guerra e María Rey, que se estreará nesta edición da Semana. “Máis aló de gravar en liberdade á lura xigante, o interese arredor desta especie céntrase agora na hormona do crecemento que lle permite converterse nuns poucos anos dunha larva milimétrica nun cefalópodo que pode chegar a pesar entre 500 e 1000 quilos”, explicou González en relación co kraken, unha especie que tamén foi estudada polo científico do CSIC Ángel Guerra, que o xoves presentará o seu último traballo. O documental impulsado polo CSIC, enmárcase na iniciativa Cefaparques, e incide na necesidade de preservar os fondos mariños do Parque Nacional das Illas Atlánticas, centrándose en tres especies de cefalópodos: o polbo, o choco e a lura. O propio Ángel Guerra explicará aos e ás asistentes os detalles do seu traballo, unha vez rematada a proxección.

O derradeiro día da Semana será a máis internacional coa presenza de Mike Valentine, “un monstro da filmación”, en palabras do director da Semana de Cine Submarino. Máis de 85 películas e decenas de anuncios de televisión conteñen imaxes submarinas realizadas por Valentine na gran piscina vasculante na que filma os seus traballos. Esta será a segunda vez que o realizador británico participa na Semana de Cine Submarino, que pechará compartindo co público un compendio do seu traballo coa proxección de Cinema H2O, no que Valentine percorre o máis destacado da súa filmografía.

Unha resposta a “Historia e ciencia, na Semana de Cine Submarino de Vigo”

  1. Carlos

    Lamento informar que Stenuit no es máxima autoridad de nada. Sólo de haber realizado expolios. Pregunten a cualquier arqueólogo submarino ( de los de verdad). Una lástima que se le dé bombo a estos personajes, y los profesionales de verdad sean ninguneados.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.