Cría de rodaballo vacinada contra o virus. Foto: CSIC.

Cría de rodaballo vacinada contra o virus. Foto: CSIC.

Unha galega deseña unha vacina contra o principal virus que afecta ao rodaballo

A investigadora Patricia Pereiro presentou este avance na súa tese, a primeira defendida nun centro do CSIC en Galicia

O virus da septicemia hemorráxica viral (VHSV) é a enfermidade que causa os maiores episodios de mortalidade no rodaballo, unha especie de peixe de gran valor comercial. Así, a rendibilidade do seu cultivo vese ás veces limitada pola presenza deste virus. Unha tese de doutoramento realizada pola investigadora galega Patricia Pereiro, e que se acaba de presentar no Instituto de Investigacións Mariñas de Vigo (CSIC), deseñou unha vacina de ADN fronte a esta infección.

Esta tese, a primeira defendida nun centro do CSIC, foi dirixida por Beatriz Novoa e Antonio Figueras, e obtivo a cualificación de sobresaliente cum laude. O obxectivo do traballo era profundar na resposta do rodaballo fronte ao VHSV e incrementar a información nas bases de datos científicas sobre as secuencias de transcritos de rodaballo relacionadas coa resposta inmune a este virus. Este achado é un novo fito nas investigacións do Grupo de Inmunoloxía e Xenómica do IIM, que despois de máis de 20 anos de traballo, o ano pasado completou a secuenciación do xenoma da especie, en colaboración coa USC.

Patricia, no centro, xunto aos directores da súa tese e o tribunal. Foto: CSIC.

Patricia, no centro, xunto aos directores da súa tese e o tribunal. Foto: CSIC.

A partir destas premisas, Patricia Pereiro deseñou e avaliou unha vacina de ADN fronte a esta infección. “Demostrouse, a través de ensaios, que a vacina induce bos niveis de protección na especie fronte ao virus. Ademais, un mes despois da vacinación detectáronse anticorpos específicos fronte á glicoproteína G, con capacidade de neutralizante no soro dos rodaballos vacinados, e observouse que, tras a infección, o perfil transcriptómico entre os peixes vacinados e os non vacinados era distinta: os segundos amosaron unha extensa e incontrolada resposta inmune e os primeiros, unha resposta moderada e controlada”, explica Patricia Pereiro.

A tese tamén destaca por permitir a identificación de novos xenes de rodaballo relacionados coa resposta inmune e por ser a primeira análise transcriptómica en rodaballo empregando a secuenciación masiva. Patricia Pereiro é licenciada en Bioloxía pola USC, especializada en bioloxía marina, e Máster en Acuicultura. Desde 2012 traballa no IIM como investigadora predoutoral. Tras presentar a tese, continúa no IIM cun contrato asociado ao Plan Nacional de I+d+i do Mineco.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.