Fernando Aneiros (con lentes de sol) tratou de relacionar os cambios na fauna cos cambios nos sedimentos que estas habitan. Foto: Duvi.

Fernando Aneiros (con lentes de sol) tratou de relacionar os cambios na fauna cos cambios nos sedimentos que estas habitan. Foto: Duvi.

Estudan por primeira vez a variación temporal da fauna dos fondos da ría de Aldán

O biólogo Fernando Aneiros, investigador do Departamento de Ecoloxía e Bioloxía Animal da UVigo, realizou mostraxes ao longo dun ano

As rías galegas son un dos ecosistemas máis ricos, diversos e produtivos do planeta. Múltiples investigacións teñen analizado a distribución espacial das comunidades de fauna bentónica, a que habita no fondo mariño, pero ningún estudo ata o momento fixera un seguimento da variación que sofren estas comunidades das rías ao longo do tempo. Este foi o obxectivo da tese de doutoramento de Fernando Aneiros, investigador do Departamento de Ecoloxía e Bioloxía Animal, que decidiu analizar a variación temporal da macrofauna bentónica infralitoral dos fondos sedimentarios e para iso elixiu a ría de Aldán, contorna que estudou ao longo dun ano en dous puntos diferentes de mostraxe, unha estación na parte máis interna e outra na máis externa da ría.

Fernando Aneiros, investigador da UVigo que estudou a fauna da ría de Aldán. Foto: Duvi.

Fernando Aneiros, investigador da UVigo que estudou a fauna da ría de Aldán. Foto: Duvi.

As comunidades bentónicas, explica o investigador, “poden sufrir variacións temporais a causa de ciclos meteorolóxicos e oceanográficos e por mor de cambios en variables ambientais ou perturbacións de orixe antrópica”, é dicir, provocada pola ser humano. Por iso, remarca, “é imprescindible” realizar estudos de variación temporal que permitan “unha correcta caracterización destas comunidades”. Se os estudos que se basean unicamente en mostras tomadas nun momento puntual, estas poden ser representativas das características habituais das comunidades, “pero tamén poden representar circunstancias extremas ou condicións extraordinarias derivadas de eventos ou perturbacións particulares”, destaca o investigador.

A principal innovación desta tese é o feito de poñer máis detalle no estudo das comunidades dende o punto de vista funcional, “que consiste en atender ás características da fauna en lugar de á súa identidade, é dicir, á súa especie”, remarca Aneiros. Neste sentido, en lugar de considerar unicamente as abundancias de diferentes grupos tróficos, aposta por considerar as características e o comportamento da fauna que se atopa nunhas determinadas mostras. Para iso, levou a cabo unha aproximación sinxela, considerando dúas características da fauna: a súa forma de alimentación e os seus hábitos de vida.

O investigador de Ciencias do Mar identificou un total de 75.319 individuos pertencentes a 535 taxons diferentes, dos cales 232 estaban presentes nas dúas estacións de mostraxe. En ambas, os parámetros e a composición da comunidade bentónica (tanto dende o punto de vista taxonómico como dende o punto de vista funcional) cambiaron de xeito significativo ao longo do período estudado. De feito, mentres a comunidade bentónica da estación máis externa presentaba un patrón cíclico, a da estación interna o patrón era moito máis irregular. Na primeira, “a maioría de especies dominantes presentaron maiores densidades no outono, o que provocou que nesa época a comunidade presentase maiores valores de densidade total e menores valores de diversidade”.

O investigador atopou diferenzas entre as dúas estacións situadas en diferentes zonas da ría

Non obstante, este patrón cíclico viuse alterado nos meses de xuño e novembro, cando en paralelo aos cambios nas características do sedimento, “déronse cambios significativos nas características da comunidade bentónica, tanto dende o punto de vista taxonómico como dende o funcional”. Pola contra, na estación máis interna non se detectaron eses ciclos tan claros, e o científico puido observar unha serie de empobrecementos da comunidade (menores densidades e menores riquezas específicas) que non estiveron relacionados con cambios nas características do sedimento, senón que probablemente foron causados por algunha outra variable ambiental. Esta diferencia, xunto con algúns dos patróns temporais observados, como por exemplo os cambios na riqueza específica das comunidades ou nas densidades de algúns grupos tróficos, “parece estar relacionada co maior grao de exposición á influencia oceánica (correntes e ondas) na estación máis externa, xa que as corrente máis fortes reducen a cantidade de materia orgánica que chega ao fondo procedente das bateas”.

No referente ao sedimento, o estudo tamén confirmou que era “considerablemente máis groso e con menos materia orgánica na estación de mostraxe máis externa”. Non obstante, nesta estación as características do sedimento foron máis variables, “particularmente presentando dous cambios moi acusados nos meses de xuño e novembro, nos que o sedimento foi moito máis groso do habitual”, remarca Aneiros.

O impacto das bateas

Outro dos obxectivos paralelos desta investigación era analizar o impacto das bateas sobre as comunidades bentónicas para comprobar se existe un enriquecemento orgánico causado polos aportes procedentes dos polígonos mexilloeiros. O investigador explica que existen múltiples estudos previos sobre os efectos dos cultivos de bivalvos en suspensión sobre as comunidades bentónicas que se atopan baixo ou preto deles, pero os resultados teñen sido “contraditorios”. Mentres algunhas investigacións concluíron que existen “empobrecementos” que se traducen nunha menor riqueza específica, en organismos de menor tamaño ou na dominancia por parte de especies especialmente adaptadas a ese tipo de condicións ambientais, outras análises “apenas detectaron este tipo de efectos”. Fernando Aneiros apunta que o seu estudo “non foi especificamente deseñado para determinar o grao de impacto causado pola presenza de bateas”, pero si puido achegar varios resultados destacables. De feito, en ambos puntos de mostraxe “obsérvanse sinais moderadas de enriquecemento orgánico, posiblemente causado pola súa proximidade aos polígonos de bateas”, se ben o impacto parece baixo en ambas estacións e resulta menos notable na estación máis externa, conclúe.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.