A Comisión Europea recomenda unha técnica desenvolvida polo Centro de Investigacións Mariñas (centro dependente da Consellería do Mar) como referente para a diagnose da bonamia da ostra. A Unión Europea publicou unha decisión no mes de setembro deste ano relativa á normativa de xestión sanitaria de animais acuáticos e nela “recolle expresamente como técnica recomendada para a diagnose da bonamia ostrae unha das que desenvolveu o equipo do CIMA, a da diagnose por PCR en tempo real”, segundo explicou a conselleira de Mar, Rosa Quintana, nunha visita as instalacións científicas.
A bonamia ostrae é un parasito protozoario que afecta á ostra europea (Ostrea edulis) e a diagnose por PCR (Polymerase Chain Reaction) en tempo real é unha técnica molecular para a diagnose deste parasito que busca atopar fragmentos do seu ADN nas mostras.
O CIMA ten centros de investigacións en Vilanova de Arousa e Ribadeo
Rosa Quintana destacou que o laboratorio de referencia europeo de enfermidades de moluscos seleccionou a técnica do CIMA como a óptima despois de probala xunto con outras doutros laboratorios de referencia nacionais de Europa. Neste sentido, sinalou que a técnica desenvolvida polo centro “é moi precisa e exacta, máis que as que existían previamente e tamén máis rápida”. Deste xeito permite identificar con maior rapidez a patoloxía e axuda na toma de decisións. A conselleira sinalou que o desenvolvemento de técnicas coma esta demostran o potencial investigador de centros de Galicia como o CIMA e dos seus profesionais.
O CIMA está constituído polo Centro de Investigacións Mariñas de Corón, en Vilanova de Arousa (Pontevedra), e o Centro de Cultivos Mariños de Ribadeo (Lugo). A súa función básica é o desenvolvemento de investigacións encamiñadas a conseguir unha xestión racional e eficiente dos recursos mariños en Galicia. Actúa como organismo asesor da administración pesqueira galega nas cuestións da súa competencia e difunde as súas investigacións a través da asistencia e participación en congresos, seminarios e foros e en publicacións científicas de diferentes ámbitos.