O software Govocitos xa está dispoñible de balde en Internet.

O software Govocitos xa está dispoñible de balde en Internet.

Desenvolven un software que mide a fecundidade dos peixes

CSIC e universidades de Santiago e Vigo estrean 'Govocitos', unha ferramenta para biólogos con aplicacións en pesca e acuicultura

O Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC), a través do Instituto de Investigacións Mariñas (IIM), participou no desenvolvemento e posta a punto en Galicia dunha nova tecnoloxía, innovadora, rápida e precisa, para calcular o potencial reprodutivo dos peixes: o software Govocitos, cuxo paquete se pode descargar de balde neta ligazón.

O software Govocitos.

O software Govocitos.

“Na actualidade, moitos dos recursos pesqueiros, entre eles os de interese para a frota galega, están sobreexplotados. Para xestionar correctamente as súas poboacións e garantir a súa sustentabilidade é fundamental coñecer o seu potencial reprodutivo. Esa tarefa implica o uso de técnicas e protocolos cun alto custo económico e humano e ata o momento dispoñíase dun software xenérico para iso, pero non dun específico. Ademais, gran parte do traballo dependía da experiencia da persoa encargada da análise e realizábase de forma manual, o que levaba un consumo enorme de tempo e aumentaba a probabilidade de erro”, sinala Rosario Domínguez-Petit, do Grupo de Ecoloxía Pesqueira do IIM.

Neste contexto, o Grupo de Ecoloxía Pesqueira do IIM (CSIC, Vigo), coa colaboración do Laboratorio de Informática Aplicada (Universidade de Vigo) e o Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías da Información (Universidade de Santiago de Compostela), iniciou en 2008 o proxecto “Desenvolvemento e implementación de novas tecnoloxías e protocolos no estudo da ecoloxía reprodutiva pesqueira”, financiado pola Xunta de Galicia e coordinado por Domínguez-Petit. O obxectivo era desenvolver e implementar  novas tecnoloxías para o estudo da ecoloxía reprodutiva pesqueira.

‘É unha ferramenta doada de manexar para estimar a fecundidade dos peixes’

“O proxecto terminou en 2011, pero seguimos traballando para poder rematar os últimos detalles do software para dotalo de maior flexibilidade. Así, en 2013  desenvolvemos a versión final do software, que foi integrado na carteira de resultados de investigación do Campus do Mar. Con todo, para o seu uso e distribución foi necesario desenvolver un sistema descargable, que inclúe unha máquina virtual coas bases de datos necesarias para que Govocitos sexa operacional. Agora, por fin, Govocitos púxose a punto e entra nunha nova fase co seu acceso libre e gratuíto para os seus potenciais usuarios”, indica a investigadora.

“Trátase dunha ferramenta doada de manexar e eficaz para automatizar as estimacións da fecundidade en peixes. Funciona a partir de imaxes histolóxicas dixitais de ovarios de peces. O programa analiza a imaxe e detecta, clasifica, cuantifica, e mide automaticamente os ovocitos  por estado de desenvolvemento ofrecendo, ademais, unha estimación da fecundidade da especie baseada no método estereolóxico, que pode ser exportada a unha base de datos centralizada ou a unha folla de cálculo”, explica Domínguez-Petit.

Análise do programa Govocitos.

Análise do programa Govocitos.

O software traballa en dúas etapas: unha non supervisada, na que o usuario só abre a imaxe e espera o resultado automático da análise, e outra supervisada, na que o usuario corrixe manualmente os erros que detecte. Polo momento, probouse nos laboratorios do IIM, onde se obtivo un diagnóstico do estado de maduración e da actividade de posta de catro especies, dúas delas de interese para a frota pesqueira galega: faneca, pescada europea, pargo raiado e lanterna escura.

Govocitos diríxese fundamentalmente a investigadores de bioloxía mariña, pero poderíase adaptar ás necesidades específicas doutros sectores. Así, entre os seus potenciais usuarios atópanse tanto os centros de investigación como os hospitais, a administración ou a industria. Na actualidade, o grupo de Ecoloxía Pesqueira utiliza Govocitos na súa rutina de laboratorio, e segue traballando cos investigadores do Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías da Información da USC para mellorar os índices de clasificación.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.