Cría de polbo. Imaxe: IEO.

Cría de polbo. Imaxe: IEO.

O cultivo comercial do polbo común, cada vez máis preto

Científicos da UVigo e do IEO conseguen importantes avances nos ensaios con paralarvas de "Octopus vulgaris"

O polbo común (Octopus vulgaris) é unha especie clave para Galicia, cunha gran importancia gastronómica e económica. Amais, é unha especie cada vez máis demandada en todo o mundo debido á súa riqueza como fonte de proteína, polo que as súas capturas aumentaron de forma significativa nos últimos anos. Grazas ás súas elevadas taxas de crecemento e o curto ciclo de vida, é un candidato ideal para o cultivo comercial. Así, investigadores de todo o mundo amosaron o seu interese en atopar o xeito de domesticar tanto o Vulgaris como outras especies deste cefalópodo para crialas en catividade.

O polbo é cada vez máis demandado no mundo debido ás súas propiedades nutritivas

Porén, as súas necesidades alimentarias durante as primeiras fases do desenvolvemento son difíciles de obter, e a ciencia aínda non conseguiu formular unha dieta axeitada. Ata o de agora, o máis que se conseguiu foi a comercialización de exemplares engordados tras ser capturados no mar, como o Vulgaris en Galicia ou o polbo vermello (Octopus maya) en México, e outras especies en países de Asia. Non en tanto, hai moito camiño por andar para acadar o cultivo integral destas especies.

No marco do proxecto Octowelf, coordinado polo IEO e o CSIC, investigadores do Centro Oceanográfico de Vigo e da Universidade de Vigo acadaron importantes avances na mellora das condicións de cultivo, alimentación e nutrición das paralarvas. Tamén participan na iniciativa as universidades de Granada e La Laguna.

Aínda que polo de agora non é posible pechar o ciclo en catividade para a comercialización do polbo común, estes ensaios conseguiron porcentaxes de supervivencia superiores aos obtidos en estudos previos mediante novas técnicas de cultivo e alimentación. Conseguiuse tamén un crecemento notable destas larvas, o que permitiu que estas inicien a fase de asentamento, proceso que ten lugar cando a paralarva deixa a vida plantónica (na que nada ceibe) e entra na fase bentónica (vivindo no fondo mariño), o lugar no que desenvolven a fase xuvenil e adulta.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.