A pescada supón a cuarta parte do consumo de peixe fresco en España.

A pescada supón a cuarta parte do consumo de peixe fresco en España.

O CSIC comeza en Vigo unha campaña para estudar a pescada nas costas galegas

O Sarmiento de Gamboa partirá o sábado do peirao vigués para continuar o proxecto Dreamer entre Fisterra e Ribadeo

O buque Sarmiento de Gamboa, do CSIC, partirá este sábado do porto de Vigo para realizar unha campaña de investigación sobre o recrutamento (o momento no que os exemplares adquiren un tamaño suficiente para que a mortalidade natural baixe e se incorporen á pescaría, habitualmente a partir do primeiro ano de vida) da pescada europea na plataforma continental das costas galegas. Durante 15 días, e como parte do proxecto Dreamer, 18 científicos e técnicos do CSIC percorrerán a costa entre Fisterra e Ribadeo para avaliar a situación da especie nesta zona.

O obxectivo é realizar un estudo integrado do recrutamento da pescada europea do Noreste Atlántico. Segundo explican desde o CSIC, “a pescada europea está fortemente explotada polas pescarías de varios países europeos, polo que na última década a Unión Europea desenvolveu plans de recuperación, dando como resultado a recuperación da biomasa reprodutora”. Porén, este recrutamento sigue sendo variable e no caso do sur do Atlántico, segue decrecendo. Por este motivo, “é fundamental entender e predicir a dinámica reprodutiva dos stocks norte e sur, pois isto determina a capacidade do stock para manter ou aumentar o seu tamaño”, explican os científicos.

Pretenden mellorar o recrutamento da especie no sur do seu hábitat

Ata o de agora, as investigacións centráronse en comprender a ecoloxía reprodutiva da pescada e os factores que afectan á supervivencia das larvas ata chegar á idade de recrutamento. Isto permitiu demostrar a falta de proporcionalidade entre o potencial reprodutivo do stock e a biomasa do stock reprodutor. Tamén se observou a importancia dun stock reprodutor baseado en femias de gran tamaño, cunha produción moi vinculada aos procesos de maduración, e describiuse un patrón de posta complexo, moi prolongado no stock sur, con dous picos de posta, un a finais de inverno e outro en verán.

“A sospeita de que existan dous compoñentes de posta temporais, ben diferenciados e illados, crea moitos interrogantes na contribución de cada compoñente á poboación final de recrutas. É unha característica que debe ser investigada xunto co grado de conectividade entre as dúas poboacións atlánticas”, explicao científico Fran Saborido.

“Imos profundizar nas catro dinámicas da especie: reprodutiva, ambiental, larvaria e de recrutas”, sinalan os investigadores. Para abordar este obxectivo, incorporarase información da poboación máis setentrional (Noruega) e meridional (Portugal). Para isto, contan coa colaboración de centros de investigación de Bergen, no país noruegués, e o Instituto Portugués do Mar e da Atmosfera.

A campaña forma parte do proxecto Dreamer, financiado polo Plan Estatal de Investigación Científica y Técnica 2013-2016 no marco do Programa Retos Sociales. O proxecto iniciouse o ano pasado e rematará en 2019, e contempla a realización de dúas campañas no Golfo Ártabro. Ademais, enmárcase nunha colaboración iniciada en 2010 entre o Grupo de Ecoloxía Pesqueira do IIM de Vigo e o AZTI, centro tecnolóxico experto en innovación mariña e alimentaria.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.