Venres 29 Marzo 2024

A costa galega, baluarte defensivo fronte á alga invasora “Codium fragile”

Codium fragile é unha das algas invasoras máis daniñas en sistemas costeiros, xa que é quen de desprazar ás especies nativas en todo o mundo. No Atlántico noreste os seus primeiros rexistros son de principios do século XX, pero, sen embargo, en España non se describe esta especie ata 1966, concretamente no mar Cantábrico. O seu éxito no proceso de invasión é principalmente atribuído á súa ampla tolerancia fisiolóxica tanto á temperatura como á salinidade, tipos de substrato ou contaminantes, así como polo seu rápido crecemento durante o verán, a pouca presión de herbívoros e os diversos modos de reprodución e dispersión, tanto sexual como vexetativa ou partenoxenética.

Porén, nas costas da península Ibérica varios estudos científicos conseguiron demostrar que a especie nativa, C. Tomentosum, conseguía facer fronte á especie invasora. Así, para poder coñecer ben o carácter invasor desta alga, científicos da Universidade de Vigo e da Rey Juan Carlos están a desenvolver un estudo sobre unha alga que, a pesares de ser orixinaria de Xapón, se atopa xa distribuída por todo o mundo. Este estudo forma parte da tese de doutoramento de Ana García, que actualmente está realizando unha primeira fase experimental na Estación de Ciencias Mariñas de Toralla (Ecimat) ao abeiro dun proxecto de investigación en colaboración coa investigadora do grupo EcoCost da Universidade de Vigo Celia Olabarría.

Publicidade

Especie invasora, á esquerda, e especie nativa (C. tomentosum), á dereita. Foto: Ana García.
Especie invasora, á esquerda, e especie nativa (C. tomentosum), á dereita. Foto: Ana García.

A investigadora da Universidade Rey Juan Carlos Ana García explica que “en estudos previos realizados polo noso equipo de investigación observamos como a especie nativa C. tomentosum e a invasora C. fragile coexistían ao longo das costas do noroeste da península ibérica na zona baixa do intermareal, en áreas que incluían Bifurcaria bifurcata, e na zona alta onde se atopan charcas intermareais”. Pero, fronte ao que sucede noutras rexións, nas que se confirmaba unha dispersión continua de C. fragile, no noroeste peninsular a especie nativa presentaba maior superficie de ocupación e número de novos individuos que a especie invasora.

Neste escenario, explica García, xorde a necesidade de avaliar a competencia entre e dentro das dúas especies. Con esta finalidade, os investigadores plantexaron un experimento en dúas fases; a primeira consiste nun experimento de cultivo baixo condicións controladas no laboratorio, que se está a levar a cabo na Ecimat; e a segunda fase realizarase no medio natural e consistirá en someter os individuos obtidos no laboratorio a distintos niveis de estrés, niveis que corresponderán con distintas alturas de marea e localidades. Ana García adianta que na primeira parte do experimento estase realizando o cultivo das dúas especies de estudo: C. tomentosum e C. fragile empregando diferentes densidades intraespecíficas e interespecíficas. “Ata agora os cultivos desenvolvéronse con éxito e, en breve, será posible afrontar a segunda fase do experimento no medio natural”.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Os grelos poden previr o cancro? Estudan a dieta atlántica como vía terapéutica

Unha revisión analiza as propiedades farmacolóxicas dos alimentos consumidos no sur de Europa que poderían ter propiedades antitumorais

Fermentar a masa con algas: a revolución ecolóxica das empanadas galegas

Na ría de Muros está asentado un proxecto culinario que pretende reformular un dos pratos tradicionais máis famosos da gastronomía galega

É posible cultivar ourizo de mar? Un equipo de Vigo busca alternativas para frear a sobreexplotación

Científicos do Centro de Investigacións Mariñas analizan as cinco especies de Galicia, moi pouco estudadas ata o de agora

As microalgas prometen alimento abundante e saudable en calquera contorna

O subministro mundial de alimentos enfróntase a grandes ameazas e un pequeno organismo podería ofrecer novas solucións