Venres 26 Abril 2024

O proxecto Cockles: novas forzas para a industria do berberecho

En 2016, a produción en Galicia de berberecho (Cerastoderma edule) superou as 2.000 toneladas. Máis da metade proceden ra ría de Muros e Noia, a principal produtora do bivalvo. E na primeira comercialización xerouse un negocio por valor de 9,3 millóns de euros. A súa importancia é enorme para o sector marisqueiro, polo que cómpre manter en bo estado o seu hábitat. Neste senso, a comunidade científica galega xoga un papel esencial. Varios equipos da USC, o Cetmar, o Intecmar e a Xunta participan actualmente no consorcio europeo ‘Cooperación para a recuperación das pesqueiras de berberechos e os seus servizos ambientais na Área Atlántica’ (Cockles).

A iniciativa está coordinada polo Centro de Investigacións Mariñas de Aveiro (Portugal) e programada nun espazo temporal de tres anos, conta con 3,6 millóns de euros de financiamento a través do programa Interreg Espazo Atlántico da Unión Europea.

Publicidade

Na iniciativa participan científicos do Cetmar, Intecmar, USC e a Xunta de Galicia

O proxecto Cockles, que en Galicia coordina o Cetmar, pretende recuperar e aumentar a produción de berberecho, así como os beneficios asociados a este molusco bivalvo. Os factores ambientais, socioeconómicos e culturais que o berberecho xoga nas comunidades costeiras de España, Portugal, Francia, Reino Unido e Irlanda (os países implicados neste programa), provocan especial interese debido á dobre ameaza que o afecta: as enfermidades e, en ocasións, unha xestión non sempre eficiente.

 

Unha vez realizado este diagnóstico, o consorcio Cockles propón desenvolver durante os próximos tres anos e ata 2020 unha serie de medidas orientadas a reverter a situación advertida e a potenciar e mellorar a produción de berberecho. A consecución deste obxectivo redundaría na creación dunha industria robusta, viable e sustentable, da que se derivarían beneficios para a sociedade e tamén para a biodiversidade.

Avaliación

Deste xeito, as liñas de traballo deseñadas polo consorcio Cockles ao abeiro deste programa pasan por artellar medidas para avaliar a saúde, a diversidade e as interrelacións das poboacións de berberecho ao longo do Atlántico. A cuantificación dos beneficios económicos, sociais e culturais dos servizos ecosistémicos que aporta o berberecho e a exploración das consecuencias do cambio climático sobre estes servizos e o seu valor constitúe outro dos cometidos deste proxecto europeo.

Outras das medidas propostas no marco da iniciativa Cockles pasan por novas técnicas, así como a información necesaria para mellorar a xestión, a conservación e a restauración deste recurso mariño, incluíndo a súa produción en criadeiro e a modelización da dispersión larvaria. A obtención da información xenética necesaria para abordar estratexias de selección de estirpes resistentes a Bonamia con marcadores moleculares é outro dos obxectivos deste programa, cuxos participantes tamén son conscientes da necesidade de orientar e prestar asesoramento aos produtores, así como ás  administracións, axencias ambientais e ONGs sobre boas prácticas.

 

 

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Gciencia celebra o Día da Lingua Materna cun relatorio sobre a divulgación en galego

A xornalista Laura Filloy abordou a importancia de trasladar o coñecemento científico á sociedade nun acto celebrado no Campus de Lugo da USC

Atopado o talón de Aquiles da rata toupa, a praga que azouta a montaña luguesa

O estudo do órgano vomeronasal deste mamífero subterráneo avala o uso de químicos para diminuír a súa poboación e frear o seu impacto na agricultura

Un equipo galego secuencia por primeira vez os cancros transmisibles dos berberechos

O estudo achega datos clave sobre a súa evolución: dende o tecido de orixe ata mutacións similares ás dos tumores en humanos

Os cubículos e corredores reducidos nas granxas de Lugo afectan a produción de leite

A tese de Sonia Verdes Gil conclúe que as superficies incómodas prexudican a saúde e a hixiene das vacas