Venres 29 Marzo 2024

Científicos galegos atopan catro novas especies de crustáceos

Entre os anos 2007 e 2010 o Instituto Español de Oceanografía, en colaboración co Departamento de Ecoloxía e Bioloxía Animal da Universidade de Vigo e en cooperación co Institut Mauritanien de Recherches Océanographiques et des Pêches (IMROP), levou a cabo catro campañas científicas multidisciplinares (Maurit) a bordo do buque oceanográfico español Vizconde de Eza en augas da plataforma profunda e noiro continental de Mauritania.

Investigadoras da UVigo a bordo do Vizconde de Eza.
Investigadoras da UVigo a bordo do Vizconde de Eza.

O obxectivo fundamental era a avaliación dos recursos pesqueiros de augas profundas de Mauritania, pero de xeito paralelo os científicos tamén estudaron os invertebrados recollidos como fauna acompañante nas pescas de arrastre. Esta fauna, xunto coa recollida nas mesmas campañas, co emprego de aparellos específicos para a captura dos invertebrados que viven nos fondos mariños, está sendo actualmente estudada no laboratorio de Zooloxía Mariña da Universidade de Vigo, dentro do proxecto EcoAfrik. Froito destes traballos vénse de presentar a tese da investigadora Susana Soto de Matos-Pita, que constitúe o primeiro estudo integral dos crustáceos decápodos de Mauritania, que inclúe tanto especies que presentan interese comercial (gambas, lagostinos e lagostas) como aquelas que non o teñen (cangrexos ermitán, entre outros). O seu traballo é ademais a primeira tese de doutoramento que se produce no marco do proxecto Ecoafrik, dirixida por Ana Ramos, investigadora do Centro Oceanográfico de Vigo do IEO e polo profesor Fran Ramil, da Facultade de Ciencias del Mar.

Publicidade

O nome de Paguristes Candelae, está dedicado a Candela, a filla da investigadora

Susana Soto de Matos-Pita dedicou catro anos ao estudo deste grupo de crustáceos, identificado un total de 132 especies, pertencentes a 49 familias, todas elas recollidas nas campañas Maurit. O maior esforzo, como explica a investigadora, “foi a revisión e estudo detallado dos grupos de decápodos, dado que o seu coñecemento previo na área era aínda escaso e fragmentario”. Entre estas especies, Soto de Matos-Pita identificou catro especies e un xénero novas para a ciencia, resultados que publicou nas revistas Zootaxa e Marine Biodiversity. Ademais, o seu estudo permitiu reasignar a outros xéneros tres especies; describir por primeira vez as femias de dúas; reescribir unha especie de galateido; achegar novos datos sobre a morfoloxía de catro especies; citar por primeira vez dende a súa descrición orixinal outras catro e ampliar a distribución xeográfica de dezaoito. Deste xeito, o traballo ofrece unha visión global das comunidades de decápodos dos fondos brandos do noiro de Mauritania.

Susana Soto, no laboratorio.
Susana Soto, no laboratorio.

Ademais do estudo taxonómico, a tese tamén permite tipificar a estrutura e composición das comunidades dos decápodos de fondos brandos da plataforma profunda e o noiro de Mauritania e analiza os posibles factores ambientais que condicionan a estrutura destas comunidades. Finalmente, a investigadora tamén se analiza as distribucións xeográficas de todas as especies identificadas para establecer os continxentes bioxeográficos na área de estudo.

No tocante ás novas citas para a ciencia, o traballo da investigadora describe un xénero e unha especie de talasinídeos novos, para os que se propuxo o nome de Ezaxius ferachevali. Explica Susana Soto de Matos-Pita que o nome xenérico, Ezaxius, foi elixido como homenaxe ao barco oceanográfico Vizconde de Eza, no que se realizaron as campañas oceanográficas, mentres que o epíteto específico ferachevali fai referencia a unha crista en forma de ferradura que está presente no carapacho e que é una das características da especie. Ademais na tese descríbense outras tres novas especies. O galateido Munidopsis anaramosae, que como lembra a científica leva este nome en referencia á investigadora do IEO Ana Ramos “que dende hai máis de 20 anos promove o estudo do bentos en África”. Outras das novas citas son o cangrexo ermitán Paguristes candelae, que a doutora dedicou á súa filla Candela e o cangrexo Neopilumnoplax corallicola, cuxo nome fai referencia ao hábitat da especie, e supón tamén a primeira cita da familia Mathildellidae no Atlántico NE.

‘Munidopsis anaramosae’ fai referencia á investigadora do IEO Ana Ramos

A colección de decápodos obtida durante as campañas Maurit, engade a investigadora, permitiu tamén achegar novos datos morfolóxicos e de distribución para 27 especies e tamén incluír datos sobre a bioloxía (biometrías, sexo, presenza de femias ovíxeras e fauna epibionte cando procede) e ecoloxía (tipo de fondo, profundidade) de todas as especies estudadas. Por outra banda, a tipificación da estrutura e composición das comunidades de decápodos de fondos brandos define cinco comunidades de decápodos en Mauritania, diferenciadas fundamentalmente pola profundidade á que se localizan. “As variables dependentes da profundidade, como a temperatura no fondo e no contido en materia orgánica, xunto coa latitude, parecen ser os principais factores que estruturan estas asociacións”, puntualiza a científica viguesa.

No tocante á distribución, o resultado da análise dos continxentes bioxeográficos dos decápodos na área de estudo, amosan segundo explica Soto de Matos-Pita,“ que a maioría das especies de decápodos soamente son coñecidas do oeste africano, cunha distribución que se estende dende Sudáfrica ata Mauritania”. Así, as especies presentes en Mauritania que tamén están presentes nas costas atlánticas europeas e no mar Mediterráneo “son o compoñente minoritario, en contraposición ao que ocorre con outros grupos faunísticos como hidrozoos, esponxas ou equinodermos, nos que esta compoñente é maioritaria.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un crustáceo do tamaño dun gran de area: un reservorio de microplásticos no océano

Estes organismos poden reter ata un máximo de 200 partículas por metro cúbico de auga mariña e representar un punto de entrada nas redes tróficas

Antibióticos e cremas solares acumúlanse no mar: “Descoñecemos o seu impacto”

Científicos recompilan nun libro as substancias emerxentes no medio mariño, unha materia da que existe pouca información

Un libro para coñecer a biodiversidade mariña do Ártabro

A publicación do IEO condensa o coñecemento científico sobre a produtividade biolóxica na contorna de traballo do Centro Oceanográfico da Coruña

O buque Ángeles Alvariño, a investigar os fondos mariños de Galicia

Científicos do IEO parten nesta campaña na que se empregarán robots que permitirán gravar a profundidades de 800 metros