Os mexillóns contáxianse un cancro similar á leucemia dos humanos.

Os mexillóns contáxianse un cancro similar á leucemia dos humanos.

Científicos galegos detectan un cancro contaxioso entre os moluscos

Berberechos, ameixas e mexillóns transmítense unha neoplasia similar á leucemia dos humanos

Os océanos son o fogar de innumerables e diversas especies mariñas. Un novo estudo, publicado na revista Nature e no que participa o Centro de Investigacións Mariñas da Xunta de Galicia, suxire que o medio acuoso que nutre e protexe a vida no mar tamén pode promover a propagación de certos tipos de cancro, tanto dentro como entre as especies, segundo publica a Axencia SINC.

No estudo participa o Centro de Investigacións Mariñas da Xunta

Unha investigación liderada por científicos do Centro Médico da Universidade de Columbia (EUA), coa colaboración de varias institucións canadenses e o Centro de Investigacións Mariñas da Xunta de Galicia (CIMA), examinou unha variedade de moluscos que alberga unha forma de cancro coñecido como neoplasia diseminada, unha enfermidade parecida á leucemia que afecta as poboacións de bivalvos en moitas partes do mundo.

O equipo científico, no que participou o científico do CIMA Antonio Villalba, descubriu que en varias especies as células canceríxenas estendíanse dun animal a outro como unha liña celular clonal contaxiosa. “Os nosos resultados suxiren que a transmisión directa de cancro entre os animais mariños pode ser moito máis común do que se pensaba”, di Stephen Goff, autor principal do estudo e profesor no Centro Médico da Universidade de Columbia.

En traballos previos, o equipo de Goff buscou inicialmente os virus que podían causar cancro na ameixa de Nova Inglaterra (Mya arenaria). Pero resultou non ser un virus que se propagaba nos océanos, senón que eran as mesmas células cancerosas que se estendían dun animal a outro. A transmisión directa das células cancerosas é bastante rara e observouse só en dúas especies de mamíferos ata agora.

Examinouse o ADN dos moluscos de Canadá e Galicia

O equipo fixo probas para ver se os cancros noutros moluscos tamén poderían deberse a liñas celulares contaxiosas. O equipo de Goff examinou o ADN dos cancros e os animais afectados como mexillóns (Mytilus trossulus), berberechos (Cerastoderma edule), e ameixas (Polititapes aureus) recollidas nas costas de Canadá e Galicia.

En cada especie, os investigadores descubriron que os cancros os causaban clons independentes das células cancerosas que eran xeneticamente distintos aos seus anfitrións. Tamén acharon que nunha especie de ameixa, o clon infeccioso das células cancerosas derívase dunha especie relacionada, pero distinta. Os científicos concluíron que este tipo de cancro estaba causado por unha transmisión entre especies.

“Agora que observamos a propagación de cancro entre varias especies mariñas, a nosa investigación futura será investigar as mutacións responsables destas transmisións celulares do cancro”, conclúe Goff.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.