A sardiña está a desprazarse cara o Norte na procura de augas máis frías.

A sardiña está a desprazarse cara o Norte na procura de augas máis frías.

A sardiña múdase ao Norte

Un macroestudo sobre 57.000 censos en 40 anos revela que as sardiñas deixan as augas do Sur e desprázanse ao Mar do Norte e ó Báltico

Sardiñas, bocartes e cabalas desempeñan un papel primordial nos ecosistemas mariños, ademais de posuír un alto valor comercial. Pero o quentamento da auga os obriga a desaparecer dos mares onde adoitan ser habituais e migrar ao norte. Confírmao un estudo pioneiro que analizou 57.000 censos de peixes ao longo de 40 anos. Os investigadores advirten que as vilas costeiras dependentes destes recursos pesqueiros deberán adaptar as súas economías.

O aumento continuado da temperatura da auga alterou a estrutura e a función dos ecosistemas mariños de todo o mundo. No Atlántico norte o seu efecto foi mesmo maior, con aumentos de ata 1,3º centígrados na temperatura media dos últimos 30 anos.

Esta variación afecta directamente á frecuencia e bioxeografía dun grupo de peixes peláxicos, que inclúe á sardiña (Sardiña pilchardus), ao bocarte (Engraulis encrasicolus), ao xurelo (Trachurus trachurus) e á cabala (Scomber scombrus), entre outros, que se alimentan de fitoplancto e zooplancto, e que son a base da dieta de depredadores como os cetáceos, grandes peixes e aves mariñas. Estas especies tamén representan unha importante fonte de ingresos para a meirande parte de países costeiros do mundo.

A migración da sardiña débese o quentamento da auga do mar nas últimas décadas

Ata agora, os científicos non lograran probar se os cambios observados na fisioloxía dos peláxicos eran resultado directo da temperatura da auga ou se correspondía aos cambios nas comunidades planctónicas, as súas principais presas, que tamén se viron afectadas polo quentamento global e mudaron a súa distribución e a súa abundancia.

O novo estudo, publicado en Global Change Biology, e que desenvolveu modelos estatísticos para a zona do mar do Norte, confirma a grande importancia da temperatura mariña. “Incluíronse series temporais de zooplancto e datos da temperatura superficial do mar para determinar cal foi o factor causante destes patróns”, sinala Ignasi Montero-Serra, autor principal do estudo e investigador no departamento de Ecoloxía da Universidade de Barcelona.

Para demostrar as consecuencias do quentamento da auga, o equipo de investigación analizou 57.000 censos de peixes da pesca comercial realizados de forma independente ao longo da plataforma continental europea entre os anos 1965 e 2012, extraidos dos datos públicos facilitados polo Consello Internacional para a Exploración dos Océanos (ICES).

O traballo, o primeiro que se realiza a grande escala temporal e espacial, permite entender as dinámicas destas especies en relación ao rápido quentamento dos océanos que se vén producindo dende a década dos 80.

Os investigadores alertan de que vilas do litoral verán ameazada a súa pesca

Os resultados revelan que as sardiñas e outros peixes -que contan con ciclos de vida rápidos, fase larvaria planctónica, e baixa dependencia do hábitat- son altamente vulnerables a cambios na temperatura dos océanos, polo que representan “un bioindicador excepcional para medir a dirección e velocidade do cambio climático que se espera nun futuro próximo”, apunta Monteiro-Serra.

Co aumento acelerado da temperatura nos mares continentais, as sardiñas e as anchoas -cunha distribución tipicamente máis subtropical- aumentaron a súa presenza no mar do Norte, “mesmo entrando no mar Báltico”, asegura Monteiro-Serra, quen recolle que as especies cunha distribución máis boreal -como o arenque ou o espadín- diminuíron a súa presenza.

A análise demostra así “un claro sinal de subtropicalización” na composición das especies do mar do Norte e o mar Báltico, “onde as sardiñas, as anchoas, a cabala e o xurelo, máis afíns a elevadas temperaturas, incrementaron a súa presenza”, apunta o investigador.

Isto débese a que os peixes peláxicos son moi dependentes das temperaturas ambientais en diferentes etapas da súa vida: dende as migracións reprodutivas e as postas de ovos, ata o desenvolvemento e a supervivencia das larvas.

Segundo os investigadores, os cambios neste grupo ecolóxico tan importante “repercutirán na estrutura e funcionamento de todo o ecosistema“. O experto advirte que as comunidades costeiras altamente dependentes destes recursos pesqueiros “deberán adaptarse aos novos contextos ecolóxicos e ás posibles consecuencias destes cambios”, aínda que aínda se descoñece a magnitude das repercusións socioeconómicas e ecolóxicas.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.