Puerto pesquero de Vigo. Foto JAGM

Barcos pesqueros amarrados en el puerto de Vigo.

As capturas da pesca artesanal son estables dende o 2000

Unha investigación do CSIC contabiliza 41.359 capturas en augas galegas para 1.611 embarcacións

A pesca artesanal representa máis do 80% da flota galega e dá de comer a unhas 30.000 persoas de xeito directo en Galicia, pero no tocante á evolución dos seus recursos é a gran descoñecida. Especies ben familiares nas lonxas das vilas galegas, como o polbo, o sargo, a centola ou a faneca non tiñan até agora un retrato como o que acaba de facer público os grupos de Ecoloxía Pesqueira e Bioxeoquímica do CSIC en Galicia. Trátase dun estudo premilinar, que ten que ser completado, que xorde da análise das  capturas dos últimos 15 anos por arte de pesca. A serie temporal usada é curta, de tan só 15 anos, o que exclúe unha análise máis profunda, pero si permite afirmar que a tendencia xeral é a estabilidade, sen subidas nin baixadas de grande importancia en ningunha das especies estudadas malia as variacións interanuais habituais, sobre todo nas especies de vida curta.

Barcos de pesca artesanal en Canido (Vigo). Foto: Dylanmonch.

Barcos de pesca artesanal en Canido (Vigo). Foto: Dylanmonch.

O mosaico desta década e media non e doado de compoñer: dende 1999 a Unidade Técnica de Pesca de Baixura (UTPB) rexistrou son 41.359 capturas en 1.611 embarcacións realizadas a través de 29 artes distintas. Investigadores do CSIC lograron resumilo a 13 especies e 5 aparellos que retratan un sector de números estables en canto a capturas pero con moitos pendentes, entre eles chegar a contar cun índice de abundancia total como o que ten a pesca industrial. O estudo centrouse no abadexo, a faneca, a robaliza, a raia, o melgacho, o sargo, o salmonete, o pinto, o congro, a solla, o linguado, polbo e a centola. A nasa de polbo, o trasmallo, o palangrillo, o miño e a veta foron os aparellos que se tiveron en conta.

“O noso obxectivo é completar e colaborar no seguimento da pesca artesanal cos datos de esforzo [volume por arte, CPUE, a miúdo unha medida da súa eficacia económica] xa recollidos. Non é unha abundancia total, pero si o primeiro paso. Hai que ter en conta que non captura o mesmo unha nasa que unha rede de enmalle, por exemplo”, sinala Alexandre Alonso, científico do grupo de Ecoloxía Pesqueira do IIM-CSIS. Hai excepcións, de tendencia negativa moi lixeira, como as que se rexistran no congro, a robaliza, o sargo, a solla, a raia ou o linguado; noutros casos, como o do polbo, a tendencia reflicte matices xeográficos: é positiva na zona do golfo Ártabro pero descende nas Rías Baixas e no Cantábrico.

“Hai un baleiro no coñecemento da bioloxía básica da nosa pesca local”, asegura Alexandre Alonso

“Debido á escaseza de datos de calidade, as poboacións de especies costeiras explotadas pola flota artesanal xeralmente non son sometidas a procesos de avaliación analítica como sucede coas pesquerías industriais. Por primeira vez este estudo dispón dunha serie temporal de índices de abundancia relativos mediante ferramentas estatísticas adecuadas”, engade o investigador. Pola contra, outras carencias seguen sen solucionarse. “Hai un baleiro notable no coñecemento da bioloxía básica da nosa pesca local, e son datos moi importantes para a súa xestión. Existe a idea de que as flotas artesanais teñen menos impacto ecosistémico, que son máis amigables, pero tamén son máis complexas, porque aplican moitas artes distintas e os datos que temos sobre elas son deficientes. Durante moitos anos os organismo xestores non lles prestaron moita atención porque o foco económico estaba posto na pesca industrial”, lamenta.

O estudo enmárcase no proxecto Estandarización de taxas de captura das especies pesqueiras obxectivo da flota artesanal galega”e está financiado polo Consello Internacional para a Exploración do Mar (ICES), dentro do programa IES Science Fund. O equipo investigador continúa agora o traballo analizando a sincronía entre as tendencias poboacionais e a súa relación con diferentes factores ambientais e características vitais de cada unha.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.