Fotografía da balea azul localizada este luns polo BDRI. Imaxe: BDRI.

Fotografía da balea azul localizada este luns polo BDRI. Imaxe: BDRI.

Aparece unha nova balea azul nas costas de Galicia

O exemplar, o terceiro en poucas semanas, foi localizado de novo polo BDRI nas inmediacións de Corrubedo

A terceira balea azul en apenas un mes deixouse ver nas costas galegas este luns. Durante unha xornada de traballo, o Bottlenose Dolphin Research Institute, con base no Grove, atopou un novo exemplar de Balaenoptera musculus. É o terceiro avistamento nun mes despois dos realizados na boca da ría de Muros e Noia e outro a unhas dez millas de Ons.

Os biólogos do BDRI acompañaron á balea e ao resto do ‘séquito’ de rorcuais comúns, golfiños e toniñas durante dúas horas nas inmediacións de Corrubedo. Xunto á xigante azul nadaban outras cinco baleas comúns (Balaenoptera physalus) e preto dun cento de golfiños comúns e toniñas, segundo conta na súa páxina de Facebook o BDRI. É o segundo avistamento desta especie que fai este instituto, despois do realizado en Ons.

Outra das fotografías da terceira balea azul avistada en Galicia. Foto: BDRI.

Outra das fotografías da terceira balea azul avistada en Galicia. Foto: BDRI.

“Foi incrible, non saïamos do noso asombro”, conta Bruno Díaz, director do BDRI. Confirma que este exemplar non é ningún dos dous avistados anteriormente. Engade que “o máis interesante é que o seu comportamento era de alimentación, o que parece indicar que a costa galega se ten convertido nunha especie de avituallamento para a especie”. É dicir, que probablemente non estean de paso.

“É unha barbaridade”

No período transcurrido desde o avistamento do 20 de setembro, os científicos do BDRI contrastaron cos centros de referencia sobre os rexistros de baleas do Atlántico que non se trata de ningún exemplar catalogado anteriormente na costa. “Ábrense novas incógnitas, como se en realidade a costa galega fose un corredor dos cetáceos cara o sur”. Ademais, estes avistamentos poderían adiantar unha recuperación da especie, unha vez instaurada a moratoria na caza de baleas azuis a finais do século XX.

A gran presenza de mamíferos de gran tamaño tamén evidencia a gran actividade biolóxica nas augas da costa galega, toda vez que unha balea azul pode chegar a comer 36 toneladas de krill ao día. “É unha barbaridade; hai unha enorme produtividade, as concentracións de clorofila e plancton son altísimas. Ten que haber unha riqueza enorme para que haxa alimento para todas”.

 

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.