Disco de reclutamento nunha fase do experimento na ría de Arousa. Foto: Ana García / Duvi.

Disco de reclutamento nunha fase do experimento na ría de Arousa. Foto: Ana García / Duvi.

As rías atlánticas, un bo refuxio para numerosos tipos de algas

Os resultados son parte dunha tese da universidade Rey Juan Carlos, levada a cabo na Estación de Ciencias Marinas de Toralla

As invasións biolóxicas e o cambio climático constitúen unha das principais ameazas para a biodiversidade. Ante as dificultades deste escenario, algúns lugares, entre eles as rías da costa atlántica, actúan como refuxios microclimáticos onde determinados tipos de especies atopan as condicións ideais para sobrevivir.

Entre as especies encontramos a alga Fucus serratus, denominada por moitos como enxeñeira de ecosistemas. Proporciona refuxio e comida a un gran número de algas, invertebrados e peixes. Factores medioambientais fixeron que se contraera en moitos lugares, ata o punto de desaparecer completamente da zona centro-oriental do Cantábrico. Na costa atlántica galega, parece non estar sometida á presión desas áreas, en parte debido aos procesos de afloramento que se dan e que enriquecen e arrefrían as augas das rías do noso litoral.

Os datos obtidos son parte dos resultados de varios experimentos levados a cabo por investigadores da universidade Rey Juan Carlos de Madrid (URJC), na Estación das Ciencias Mariñas de Toralla (Ecimat) baixo a dirección da investigadora do grupo de Ecoloxía Costeira da Universidade de Vigo, Celia Olabarría. Centrados no estudo das dinámicas poboacionais, estas investigacións forman parte da tese de doutoramento de Ana García, da URJC, sobre os factores determinantes das contraccións e expansións na distribución de especies fundadoras costeiras en escenarios de cambios climáticos.

A distribución das algas está condicionada pola temperatura da auga

As autoras e os autores do estudo lembran que a distribución das especies está determinada principalmente polo clima o que, nun escenario de quentamento global, fai que este factor xogue un papel moi importante. “De feito, xa se produciron cambios bioxeográficos e fenolóxicos como resposta a este quecemento”, indica un dos investigadores da URJC, Óscar Álvarez.

No caso concreto das algas, a distribución está condicionada, segundo indican, pola temperatura da auga, de maneira que o seu incremento en sistemas costeiros está provocando cambios na distribución e abundancia de especies fundadoras de macroalgas, modificando a estructura das comunidades. Non obstante, hai que ter en conta outros factores físicos, tanto climáticos como non climáticos.

Os resultados dos experimentos levados a cabo na Ecimat indican que a permanencia a longo prazo da Fucus serratus “dependerá da supervivencia e crecemento nas primeiras etapas do ciclo de vida que, xeralmente, son máis susceptibles aos niveis de estrés”, apunta Álvarez.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.