A caza de baleas foi, durante milenios, unha actividade moi estendida no planeta. Numerosas especies chegaron a ficar ao bordo da extinción debido a presión dos humanos. Eran un recurso moi atractivo, como alimento, como enerxía (mediante o uso da graxa como combustible), o ben para a construción de aparellos e ferramentas cos ósos, as barbas ou os tendóns do animal. A finais do século XX, a moratoria internacional salvou in extremis moitas destas especies, que nos últimos anos se recuperaron e mesmo están volvendo a aparecer polas costas galegas.
Na Península, os mariñeiros vascos foron pioneiros nesta actividade, comezando polo Cantábrico, estendéndose despois ao resto da costa ibérica e chegando ata as augas de Terranova ou Labrador. A relevancia do seu papel chegou a facer que unha especie, como a Eubalaena glacialis, tamén coñecida como balea franca do Atlántico Norte, fose bautizada popularmente como balea vasca.
Desde 2014, dentro das súas diversas liñas de actuación, nas que se enmarca tamén a atención aos varamentos en Galicia, a Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños (Cemma) ten en marcha o proxecto ‘Galicia no lombo da balea‘. O traballo, financiado polo GALP 7 Ría de Vigo-A Guarda, incluía tamén un estudo destinado a identificar as principais especies de baleas que cazaban os antigos baleeiros, entre os séculos XIII e XVIII, a través da busca e recollida de mostras de ósos destas baleas.
E os achados xenéticos veñen a confirmar o que xa se coñecía pola documentación histórica. A especie máis habitual nas capturas dos baleeiros, segundo un estudo publicado en Journal of Archaeological Science, era a balea vasca. No traballo participou a Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños (Cemma).
Durante a primavera e o verán de 2014, os investigadores da Cemma, coordinados polo presidente da entidade, José Antonio Martínez Cedeira, compilaron 527 mostras de ósos, recollidas en museos, coleccións privadas e campañas de mostraxe subacuática. Seleccionaron finalmente 72 mostras representativas para desenvolver o estudo xenético.
A análise foi realizada por Alba Rey, do Centro Interdisciplinar de Investigação Marinha e Ambiental da Universidade do Porto, e Paula Campos, do Centre for Geogenetics no Museo de Historia Natural de Dinamarca, “unha institución especializada en estudos xenéticos a partir de mostras potencialmente degradadas, como estas de orixe arqueolóxico, e que son particularmente delicadas”, explican desde a Cemma. Tamén participaron Ruth Fernández e Alfredo López, expertos en mamíferos mariños da entidade.
As análises conseguiron identificar 48 individuos distintos de balea vasca
Os resultados das análises foron satisfactorios. Obtívose ADN do 97,2% das mostras e identificáronse tres especies diferentes. Foron 68 mostras de Eubalaena glacialis, unha mostra de balea cincenta (Eschrichtius robustus), e outra de balea xibarte (Megaptera novaeangliae).
No caso das mostras de balea franca, a máis abundante, despois de analizar polo miúdo os haplotipos, puido demostrarse que as mostras pertencían a 48 individuos distintos. Deste xeito, os resultados confirman que a balea franca do Atlántico Norte foi a principal especie que cazaban os baleeiros preto das costas galegas hai varios séculos. Isto suxire, segundo apunta a Cemma, que a caza directa podería ter desempeñado un papel importante en deixar esta especie en perigo de extinción.
Os resultados tamén foron relevantes no caso da balea cincenta, xa que constitúen un novo haplotipo en comparación con outras secuencias publicadas desta especie.
Deste xeito, a investigación “confirma o potencial deste tipo de material e a necesidade de levar a cabo novas campañas de mostraxe arqueolóxica subacuática, ademais de continuar analizando o material de coleccións para caracterizar xeneticamente as baleas cazadas tanto na época da caza antiga (séculos XIII-XVIII) como na época da caza contemporánea (s. XX), no último período baleeiro en Galicia”, explica a entidade. Tamén se remarca, segundo din, “o potencial deste material para inferir a diversidade xenética previa ao inicio da caza baleeira nestas poboacións”.
Para compilar as mostras, prestaron colaboración os museos Massó de Bueu, o da SGHN de Ferrol, o Provincial do Mar de San Cibrao (Lugo), o Marítimo de Asturias (Luanco), o Acuario Centro Experimentación Pesquera de Asturias (Gijón), ásí como a entidade Asociación Mariña Patrimonio e coleccionistas privados que permitiron a recollida de mostras. Tamén participaron nas mostraxes subacuáticas o CAS Costa Lugo, a Estación de Bioloxía Mariña da Graña-USC, ADEGA e voluntarias da CEMMA.