Investigadores do CSIC traballan para conservar en condicións óptimas a langostilla nos buques

Investigadores do CSIC traballan para conservar en condicións óptimas a langostilla nos buques

A oportunidade comercial da langostilla, o marisco do día de mañá

O CSIC desenvolveu un tratamento para conservar nos buques este crustáceo, candidato a produto de mesa

Nas bodegas dos arrastreiros non hai lugar para a langostilla. Este crustáceo, de nome científico Munida spp, entra moi a miúdo nas redes dos barcos que faenan no Gran Sol e nas costas españolas e portuguesas, pero axiña volve ao mar porque non ten valor comercial. Mais un dos emblemas da nova Política Pesqueira Común (PPC), a eliminación progresiva dos descartes pesqueiros, está obrigando aos investigadores do ramo a estudar os usos e propiedades dalgunhas destas especies desprezadas. Así foi como á desprezada langostilla estudosos do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) lle atoparon logo de anos traballo propiedades culinarias e utilidade na fabricación de fariña de marisco e para a acuicultura.

A langostilla é capturada involuntariamente polos arrastreiros

A langostilla é capturada involuntariamente polos arrastreiros

Mais o desafío non é só dar coas propiedades descoñecidas dos descartes, senón tamén idear métodos de conservación adecuados que fagan posible o aproveitamento. Investigadores do Instituto de Investigacións Mariñas (IIM), dependente do organismo público, desenvolveron un sistema que garante o desembarco en condicións óptimas da langostilla, o punto máis crítico do proxecto que dende 2007, da man do Grupo de Bioquímica dos Alimentos, tamén do CSIC, busca posibles usos de especies descartadas pola frota galega nas súas pesqueiras tradicionais nas costas de Galicia, Portugal e Gran Sol.

“O principal motivo polo que se descartaba a langostilla eran as dificultades da súa conservación a bordo dos buques. Por iso iniciamos en 2012 un proxecto de investigación para ofrecer solucións a estes problemas a través do desenvolvemento e posta a punto de métodos de conservación transferibles á empresa que garantan o mantemento da langostilla en boas condicións até a súa descarga en porto. Deste xeito reducimos a perda de calidade, conseguimos prolongar o tempo de vida útil dun descarte até o seu aproveitamento por parte do sector extractivo”, destaca Santiago Aubourg Martínez, profesor de investigación do CSIC.

A langostilla captúrase no Gran Sol e nas costas españolas e portuguesas e non ten valor comercial

A langostilla é de pequeño tamaño e posúe un alto contido en compostos nitroxenados non proteicos, ácidos graxos poliinsaturados e compostos fenólicos susceptibles de producir melanoseennegrecemento do tórax ou extremidades do animal- durante a conservación. Para evitalo, os investigadores estudaron o comportamento desta especie durante a súa conservación refrixerada en xeo e na perda de calidade con caso de conxelación a -18ºC.

“O que pretendiamos era coñecer con que métodos de conservación se pode garantir a inhibición das distintas reaccións de alteración, como o desenvolvemento microbiano, a melanose ou a oxidación lipídica. Deseñamos e puxemos a punto un tratamento do produto que inclúe un lavado ou inmersión previa nunha disolución de metabisulfito sódico e a súa posterior conservación en xeo en escamas ou en conxelación a -18ºC”, explica. A tecnoloxía que desenvolveron os científicos aplicouse á langostilla en terra.

O tratamento aumenta o tempo de vida útil do crustáceo tanto conxelado como fresco

A investigación, financiada pola Xunta de Galicia, levouse a cabo en colaboración coa Cooperativa de Armadores de Pesca do Porto de Vigo (ARVI) e co Departamento de Química Analítica, Nutrición e Bromatología da Universidade de Santiago de Compostela (Campus de Lugo). Os detalles destas pesquisas foron publicados recentemente en revistas científicas de impacto como International Journal of Food Science & Technology e European Journal of Lipid Science and Technology, así como presentados en congresos científicos internacionais.

A desaproveitada Munida spp podería ter deste xeito un futuro de éxito. “Péscase fundamentalmente de forma involuntaria polos buques arrastreiros que faenan en Gran Sol, no litoral español cantábrico e noroeste, e na costa de Portugal. Devolvíase ao mar debido a que llo seu valor comercial considerábase como despreciable. Pero diversos estudos científicos revelaron recentemente, con todo, que se está ante un produto con moitas posibilidades de aproveitamento”, comenta Santiago Aubourg.

O tratamento permite un incremento do tempo de vida útil do produto desde 6 ata 10 días no produto fresco, e desde 6 a 10 meses no produto conxelado, ao compararse con condicións de tratamento que non inclúan o lavado previo. “Dada a importancia actual da fracción graxa sobre a saúde humana, realizamos tamén un estudo completo da composición en clases lipídicas (triglicéridos, colesterol, fosfolípidos) e de tipos de ácidos graxos en mostras de langostilla de distintas épocas do ano”, apunta Aubourg. Na actualidade, os científicos preparan a continuación do estudo a través da aplicación de métodos avanzados de conservación.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.