Ilustración principal do catálogo de FAO Fish Finder.

Ilustración principal do catálogo de FAO Fish Finder.

Tempo da lura diamante e da pota saltadora

Dous investigadores de Mariñas de Vigo (CSIC) elaboran para a FAO un catálogo con novos cefálopodos para a pesca en África

Portada da guía da FAO participada por científicos vigueses.

Portada da guía da FAO participada por científicos vigueses.

A lura diamante e a pota saltadora piden paso. Son dúas das novas especies que teñen gran potencial pesqueiro na costa atlántica de África, segundo o catálogo desenvolvido por científicos de Vigo para a FAO, a axencia da alimentación das Nacións Unidas. Aquí están caladoiros moi importantes para cefalópodos. A achega dos investigadores vigueses é que catalogar novas especies na zona e sinalar outras pesquerías por riba do polbo e da sepia, tradicionalmente capturados.

Os científicos que participan neste catálogo para a ONU son Ángel Guerra e Ángel F. González, do Instituto de Investigacións Mariñas de Vigo (CSIC), que son coautores, xunto con Martina Roeleved (Sudáfrica) e Patrizia Jereb (Italia), do bloque dedicado aos cefalópodos na guía promovida pola FAO “The Living Marine Resources of the Eastern Central Atlantic” (Os recursos mariños do Atlántico Leste central).

Esta publicación enmárcase na colección Fao Fish Finder, iniciativa que se iniciou en 1981 e que ten como obxectivo a edición de guías bianuais, a xeito de catálogo, sobre as principais especies pesqueiras dos océanos. O fin é proporcionar unha ferramenta científica e aplicada para identificar, a nivel taxonómico, aqueles organismos mariños que poidan ser capturados pola pesca mariña na rexión. Inclúe tanto información de especies de actual interese para as compañías de pesca coma aquelas cun interese potencial que na actualidade non son comercialmente importantes.

A obra percorre as principais pesquerías da costa atlántica africana, a través dos crustáceos, moluscos e cefalópodos, capítulo elaborado polos científicos vigueses.

As captuas anuais de cefalópodos no Oeste de África suman 200.000 toneladas

O Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) leva en Galicia a través do grupo de investigación Ecobiomar máis de 25 anos dedicado ao estudo dos cefalópodos.

“O capítulo consta de 269 páxinas e 151 fichas acerca de 36 familias e 140 especies de cefalópodos que presentan, en ton divulgativo, a información básica acerca dos principais cefalópodos do Atlántico centro-oriental, que abrangue dende as costas de África dende o estreito de Xibraltar ata o centro de Namibia“, explican Guerra e González.

A FAO xa publicara tres volumes sobre os cefalópodos mundiais (2005, 2010 e 2014), pero agora é a primeira vez que se realiza un estudo específico dos cefalópodos das augas africanas.

“Estas costas do oeste de África son unha das máis produtivas do mundo, debido á existencia de importantes afloramentos mariños. Estímase que as capturas anuais de cefalópodos nesta área son dunhas 200.000 toneladas. Algunhas especies, como o polbo ou a sepia, están xa bastante explotadas. Non obstante, hai varias subexplotadas. Así por exemplo, como se evidencia nesta guía, a pota saltadora ou a lura diamante poden ter un potencial interese para as pesqueiras”, sinalan GuerraGonzález.

A guía recolle un 32% más de especies catalogadas que na edición anterior

“O obxectivo, en síntese, é actualizar datos científicos de estudos previos -increméntanse un 32.1% as especies citadas na zona e un 13,6% os límites de distribución xeográfica-, proporcionar criterios apropiados para unha correcta identificación das especies que se explotan e comercializan, o cal é imprescindible para realizar a xestión dos recursos, e aumentar o coñecemento que se ten sobre a diversidade biolóxica dunha área e os efectos que sobre ela teñen os factores oceanográficos e a explotación redunda na saúde dos ecosistemas”, conclúen Guerra e González.

O grupo Ecobiomar

O grupo de investigación Ecoloxía e Biodiversidade Mariña (Ecobiomar), fundado en 1989 por Ángel Guerra, está adscrito no Departamento de Ecoloxía e Recursos Mariños do Instituto de Investigacións Mariñas (CSIC), o cal desenvolve a liña de investigación enfoque de ecosistemas á xestión de recursos mariños vivos. As súas liñas de actuación abranguen a xestión dos recursos mariños vivos, a conservación e o uso sostible da biodiversidade mariña, e a ecoparasitología de organismos mariños.

Entre os resultados que alcanzou figura o descubrimento de novas especies de cefalópodos; o cálculo da idade do polbo común, o choco, a lura e a pota; a determinación da dieta alimenticia das larvas do polbo na natureza; a identificación e caracterización de áreas de posta de especies de cefalópodos de interese comercial no Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia; a consideración dos parasitos de especies mariñas nas redes alimentarias dos ecosistemas e a súa importancia ecolóxica e para a saúde humana, e as relacións entre a oceanografía e a abundancia, distribución e dinámica poboacional dos recursos de cefalópodos en varias áreas do mundo, especialmente en Galicia.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.