Martes 19 Marzo 2024

A “guerra” entre microalgas, factor clave nas mareas vermellas

As mareas vermellas son un dos principais problemas aos que se enfronta o sector marisqueiro en Galicia, obrigando a pechar, ás veces durante longas temporadas, os bancos das rías do país. Neste senso, o Centro Oceanográfico de Vigo, adscrito ao IEO, vén de publicar un estudo que analiza as relacións entre varias especies de microalgas, demostrando que a competencia entre estes organismos pode ter diferentes efectos nos episodios de toxicidade.

No traballo, encabezado pola investigadora predoutoral María García Portela, e asinado tamén por Pilar Riobó, José Mariano Franco, Rosa Bañuelos e Francisco Rodríguez, analizáronse catro especies de dinoflaxelados bentónicos; uns organismos que viven adheridos ao fondo do mar e que están frecuentemente relacionados coas floracións de algas nocivas.

Publicidade

Detalle do microscopio, analizando a interacción entre dúas microalgas.
Detalle do microscopio, analizando a interacción entre dúas microalgas.

Para levar a cabo o estudo, traballouse con tres especies tóxicas (Ostreopsis sp., Gambierdiscus excentricus e Prorocentrum hoffmannianum); e unha non tóxica, a Coolia monotis, recollidas nas augas próximas ás Illas Canarias. Realizouse un estudo xenético e unha análise das toxinas de cada especie. Despois, estas especies xuntáronse en pares e observouse os efectos desta convivencia, comparando o comportamento de cada un dos organismos por separado. Analizáronse, entre outras variables, o nivel de crecemento, o estado das células ou a capacidade de adherirse ao sustrato.

Atopouse que as interaccións eran positivas ou negativas dependendo do caso. Observáronse efectos positivos, como un aumento da capacidade da especie Prorocentrum en adherirse ao sustrato cando compite con outras especies. Tamén se atoparon efectos negativos a corto prazo, como o retraso no crecemento e unha diminución da movilidade nas algas Coolia ou a ruptura das células de Gambierdiscus cando entra en contacto coas Ostreopsis.

“Todos estes resultados poñen de manifesto a guerra interna que se leva a cabo nas comunidades de dinoflaxelados e resalta a importancia do estudo das interaccións entre especies á hora de controlar a dinámica de floracións de microalgas en ecosistemas mariños”, sinala María García Portela.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O mapa que revela o territorio galego incompatible coa implantación eólica

Para a elaboración do informe a ONG SEO/BirdLife tivo en conta as figuras de protección e as zonas de alto valor ecolóxico

Aumenta a matriculación feminina en Enxeñaría Informática na UDC e na UVigo

Na universidade coruñesa as rapazas xa representan un 18% das incorporacións, mentres que na viguesa acadan o 19%

Aparecen centos de medusas mortas na praia de Nerga

Unha das hipóteses que podería explicar o fenómeno é que as correntes e o vento levasen a case 200 exemplares a varar no areal de Cangas

A primavera arrinca cun potente anticiclón que disparará os termómetros ata os 27 graos

Este luns entra aire frío en altura e pola tarde choverá con carácter tormentoso no interior da comunidade