Un navalleiro, en pleno traballo.

Un navalleiro, en pleno traballo.

Navallas a ciencia certa

A Estación de Ciencias de Toralla crea obradoiros para transferir as últimas investigacións aos navalleiros

Co obxectivo de facilitar a case sempre escasa e complicada transferencia de resultados dos estudos biolóxicos á xestión dos recursos pesqueiros, sobre todo no caso das pesquerías artesanais, a Estación de Ciencias Mariñas de Toralla, Ecimat, porá en marcha a partir deste mércores 16 de marzo o programa Bioloxía da navalla e a súa aplicación á xestión pesqueira. A través do desenvolvemento de varios obradoiros os axentes implicados na xestión dos plans de explotación dos solénidos en Galicia (navalleiros e navalleiras, asistencias técnicas, biólogos e biólogas de zona …) coñecerán os resultados da investigación que a bióloga da Ecimat Alba Hernández realizou para a súa tese de doutoramento e na que colaborou estreitamente coa confraría de Bueu.

A bióloga Alba Hernández.

A bióloga Alba Hernández.

“A alta porcentaxe de individuos (ata un 40%) que se rompen polo pé ao ser capturados (fenómeno coñecido polos navalleiros como ‘capamento’) é un problema grave na pesquería da navalla en Galicia, xa que estes individuos son descartados por non poder ser comercializados. Para reducir este problema, que sucede con maior intensidade durante os meses de inverno debido ao desenvolvemento da gónada dentro do pé, a explotación é detida durante dous meses entre xaneiro e marzo. Esta veda reprodutiva ocasiona un desabastecemento do mercado que conduce á importación doutros solénidos, cuxo valor comercial é un terzo menor que o da especie local”, explica a bióloga. Cómpre lembrar que en España a navalla é unha das especies comerciais de bivalvos máis importantes e a súa explotación realízase principalmente en Galicia, onde existen un total de 36 confrarías, 26 plans de explotación e arredor de 620 navalleiros e navalleiras implicados. Tal como explica Alba Hernández “unha veda fixada con tanta anticipación non permite axustarse as variacións interanuais na época reprodutora nin as variacións espaciais entre bancos. Ante este problema xurde unha demanda por parte das confrarías non só de información sobre a bioloxía da especie, senón tamén de técnicas sinxelas que permitan coñecer o seu estado dunha maneira continua”.

Os navalleiros recibirán información directa dos propios científicos

Nos obradoiros que arrancarán a vindeira semana a bióloga Alba Hernández achegará aos e ás asistentes or resultados obtidos no estudo da bioloxía da navalla na ría de Pontevedra e as ferramentas deseñadas para o seguimento do recurso, prestando especial atención a unha técnica que permite coñecer o estado reprodutivo de forma sinxela. “Durante os obradoiros dotarase aos participantes dos coñecementos do ciclo e do procedemento de uso desta ferramenta, así como do material divulgativo necesario para aplicar a técnica. Mediante o uso destas ferramentas os xestores do recurso poderán adaptar as rotacións e os períodos de veda ao estado reprodutivo da navalla á variabilidade espacial e temporal , asegurando un maior éxito reprodutivo e reducindo os descartes causados polo capamento”, explica a bióloga da Ecimat.

Ante o interese manifestado polas asistencias técnicas, biólogos e biólogas da zona e coordinadores de toda Galicia neste programa, os obradoiros realizaríanse ademais de na Ecimat, na Estación da Graña de Ferrol ao longo do 2016, coa finalidade de avaliar a evolución do estado reprodutivo da navalla ao longo dun ciclo anual completo e de facilitar a participación do maior número de confrarías posibles.

Unha resposta a “Navallas a ciencia certa”

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.