Os tiburóns, protagonistas da Semana

Os tiburóns, protagonistas da Semana

Tiburóns e serpes xigantes, protagonistas da Semana de Cine Submarino

O certame terá lugar entre o 23 e o 25 de novembro no Teatro Afundación de Vigo

Sete producións nacionais e internacionais e catro invitados protagonizarán entre os días 23 ao 25 de novembro a 26ª edición da Semana de Cine Submarino de Vigo. O certame, organizado pola Vicerreitoría de Extensión Universitaria da Universidade de Vigo, co patrocinio de Afundación, achegará ao público que se dará cita no Teatro Afundación, imaxes e testemuñas de especialistas arredor do ecosistema mariño, así como das especies que o habitan e os restos arqueolóxicos que nel permanecen afundidos. Manuel Fernández, vicerreitor de Extensión Universitaria e Relacións Internacionais da Universidade de Vigo; José Luis González, director da Semana e Mª Teresa Fernández, coordinadora da Área de Cultura de Afundación, foron os encargados este mediodía de presentar os detalles na vixésimo sexta edición do certame, que este ano homenaxeará ao buzo e instrutor vigués Alexis Macía, falecido a principios de ano cando realizaba unha inmersión no pecio Mar de Marín, un pesqueiro afundido a unha profundidade de máis de 50 metros na bocana sur da ría de Vigo.

Cartel do certame

Cartel do certame

O vicerreitor de Extensión Universitaria e Relacións Internacionais, Manuel Fernández, destacou a lonxevidade desta iniciativa, así como o compromiso da Universidade de Vigo coa preservación do medio ambiente e máis concretamente do mar e agradeceu a colaboración de Afundación nesta iniciativa, que achega desde hai máis dun cuarto de século os segredos que agocha o mar a miles de espectadoras e espectadores. Entre os asistentes que cada ano descobren os máis variados aspectos da vida mariña están os arredor de 1500 nenas e nenos que asisten ás proxeccións matinais dos documentais, que a partir das 20.00 horas volverán a repetirse, desta volta para o público que cada ano enche o Teatro Afundación, ao que o acceso é libre. “A Semana de Cine Submarino forma parte da programación escolar que todos os anos ofrece Afundación, co obxectivo de que os escolares sexan no futuro un público interesado en temáticas como as ambientais”, explicou Mª Teresa Fernández, coordinadora da Área de Cultura de Afundación.

O primeiro capítulo do documental da BBC/Discovery Channel Tiburón, dirixido e producido por Steve Greenwood, será o encargado de iniciar as proxeccións para amosar a diversidade dos tiburóns que poboan os mares e océanos, incluídas algunhas especies que nunca antes foran filmadas como as quenllas da familia dos orectolóbidos do Pacífico occidental ou o tiburón de Groenlandia. Ese mesmo día proxectarase O choco: baixo as ondas da enseada de San Simón, unha obra de Manuel E. Garci e Jorge H. Urcera , patrocinada polo Concello de Redondela e o Grupo de Acción Costeira zona 7, que retrata o molusco cefalópodo na contorna da enseada de San Simón, destacando a súa importancia natural e económica. Os autores do documental serán os protagonistas do coloquio, que terá lugar unha vez finalizadas as proxeccións.

O xoves 24, proxectarase en primeiro lugar Solopecios: memoria mergullada, unha produción vasco-galega, dirixida por Hodei Zambrano, que narra o traballo desenvolvido por un grupo de mergulladores, entre os que se atopaba o falecido Alexis Macía, dedicado desde hai 15 anos á busca, localización e identificación de pecios afundidos. Con esta proxección renderase homenaxe a Macía, que perdeu a vida en abril deste ano, “unha persoa moi querida, que formou a moita xente, moitos deles da Facultade de Ciencias do Mar”, destacou José Luis González, que lembrou que Macía empregaba no momento da súa morte un reciclador, rebreather, a última tecnoloxía aplicada ao mergullo autónomo que, a través dun circuíto pechado de gas respirable, permite baixar a -100/-200 metros. “Alex foi o impulsor en Vigo destas tecnoloxías aplicadas ao mergullo profundo e que se denominan mergullo técnico”, explico González.

Durante tres días poderán verse un total de sete filmes e escoitar a catro invitados

Ese mesmo día proxectaranse dous traballos de Rafael Herrero Massieu, que será o protagonista do posterior coloquio. O director canario presentará en Vigo Espello líquido, a súa última obra, na que amosa a biodiversidade que poboa mares e océanos do mundo nunha loita continua por comer e non ser comido. La Palma: a illa azul, será a outra obra de Herrero que se exhibirá o xoves e a través da que as e os espectadores poderán descubrir o patrimonio natural da illa canaria.

O venres será a quenda para dúas producións internacionais: A serpe mariña xigante e O reino dos nautilus. No primeiro traballo dirixido por Bertrand Loyer para National Geographic, o realizador francés céntrase no estudo do peixe remo xigante, ou rei dos arenques, que pode acadar ata os oito metros de lonxitude, razón pola cal durante moitos séculos alimentou o mito da serpe de mar. Pola súa banda, O reino dos nautilus, con imaxe do realizador Roberto Rinaldi, narra a expedición de mergullo profundo de Laurent Ballesta en Nova Caledonia, na que mediante o uso de recicladores acada profundidades de ata -200 metros, que lle permiten redescubrir aos habitantes dos arrecifes de coral. O biólogo pola Universidade de Vigo, taxónomo e autor de máis de 80 publicacións científicas Rafael Bañón, será o protagonista do coloquio posterior ás proxeccións.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.