Membros de VMS co prototipo de moto eléctrica

Membros de VMS co prototipo de moto eléctrica

VMS Automotive, deseñando a moto do futuro

A empresa viguesa desenvolve un innovador prototipo eléctrico que espera poñer no mercado en 2019

A longa traxectoria de innumerables empresas do sector do autómobil na área de Vigo é o punto de partida de VMS Automotive, un proxecto empresarial con apenas un ano de vida pero que aspira a situarse no mercado en 2019 cunha moto eléctrica que pode romper moldes no sector pola súa avanzada tecnoloxía. O papel da I+D, que se está facendo en colaboración co Centro Tecnolóxico de Automoción de Galicia (CTAG) e diversas empresas de enxeñería, é a clave no desenvolvemento dun produto que ten boas posibilidades de éxito nun mercado global que reclama cada vez máis solucións de mobilidade respectuosas co medio ambiente.

Pablo Campos, director xeral de VMS Automotive, explica que o proxecto xurdiu como unha spin-out do grupo Marsan, con máis de 60 anos de experiencia industrial en Vigo. En 2016 decídese apostar por unha empresa independente do grupo que é a que agora leva adiante a iniciativa.

A moto contará cun sistema de balanceo e inclinación moi avanzado

A moto que se está desenvolvendo ten como particularidade o deseño dun sistema de balanceo e inclinación moi avanzado, que permitirá contar cun vehículo moi seguro. É unha moto de tres rodas que contará con senllos motores en cada unha das rodas traseiras. “Temos unha patente para este sistema. Hoxe en día hai poucos modelos de motos eléctricas e a nosa expectativa é comezar por introducirnos no mercado español e francés, para logo expandirnos por Europa occidental, os países nórdicos e Estados Unidos”, sinala Campos.

O modelo de VMS Automotive situarase nunha gama media do mercado e a idea é ofrecer ao potencial cliente unha nova experiencia de condución, que inclúe a posibilidade de dar marcha atrás, algo inusual nunha moto. Ademais, se aposta por un vehículo con cero emisións e cunhas condicións de seguridade moi avanzadas. Trátase, en definitiva, de avanzar cara a un concepto de mobilidade máis flexible e eficiente, que aos poucos trata de impoñerse nas principais cidades do todo o mundo. A moto será o primeiro vehículo que desenvolverá a empresa, que aspira a poñer en marcha outros produtos máis adiante.

Campos considera que Galicia é un das mellores rexións do mundo para desenvolver un proxecto relacionado coa mobilidade do futuro. “Dise que a automoción vai cambiar máis no próximos cinco anos nos 50 anteriores”, explica, “e nós contamos cun ecosistema maduro que xa pasou por varias crises. Ademais, contamos co apoio do CTAG, CEAGA e a Xunta de Galicia, que está a apoiar a proxectos innovadores como este”.

Campos cre que Galicia é unha das mellores rexións para un proxecto sobre a mobilidade do futuro

O director xeral de VMS Automotive apunta ademais que a localización da empresa na contorna de Vigo será moi importante para aspectos loxísticos, ao contar cunha plataforma como o porto de Vigo, que xa serve de punto de saída para abastecer ao mercado francés. “Francia pode ser un país moi importante para o proxecto xa que actualmente é o primeiro mercado no que se refire a scooters de tres rodas”, indica Campos. As instalacións da empresa atópanse actualmente en Porto do Molle pero están a buscar unha nova localización na área de Vigo.

VMS desenvolveuse dentro da iniciativa Business Factory Auto (BFA), promovida Xunta, Ceaga, PSA e Consorcio Zona Franca. O obxectivo é a aceleración e consolidación de proxectos especializados en automoción e a súa transformación en empresas innovadoras, viables e escalables, que atraian e reteñan talento.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.