Verónica Rojo, directora da división corporativa AllGenetics Analytics.

Verónica Rojo, directora da división corporativa AllGenetics Analytics.

Unha compañía coruñesa desenvolve un sistema pioneiro en Ecotoxicoloxía

A tecnoloxía empregada por AllGenetics permite verificar as especies utilizadas nos laboratorios para analizar o impacto de produtos tóxicos

A biotecnolóxica coruñesa AllGenetics vén de lanzar un servizo pioneiro en Ecotoxicoloxía que permite verificar con moita maior fiabilidade cales son as especies test que se empregan nos laboratorios para avaliar o impacto no medio ambiente de produtos químicos potencialmente tóxicos.

A novidade do sistema que ofrece AllGenetics é que pode diferenciar entre especies que son morfolóxicamente indistinguibles, segundo explica a doutora Verónica Rojo, directora da división corporativa AllGenetics Analytics: “Os laboratorios de Ecotoxicoloxía levan a cabo ensaios para determinar o efecto causado por algunhas substancias químicas sobre determinadas especies test, como algas, peixes, dafnias, miñocas ou enquitreidos. Para garantir a validez dos ensaios ecotoxicolóxicos a escala global, organizacións internacionais como a ISO ou a OECD elaboran estándares que especifican os protocolos de ensaio a seguir polos distintos laboratorios. Do mesmo xeito, e posto que distintas especies poden presentar distinta sensibilidade ou resposta ás substancias tóxicas, é fundamental que tódolos laboratorios utilicen a mesma especie test para realizar un determinado tipo de ensaio. Isto é especialmente importante cando os resultados dos ensaios ecotoxicolóxicos son considerados nas decisións lexislativas en política ambiental, ou nas avaliacións de risco para o rexistro de produtos químicos”.

O servizo de AllGenetics ofrece unha fiabilidade moito maior na verificación

O problema xurde cando algunhas especies son difíciles de distinguir. “Non sempre é doado identificar de forma inequívoca a que especie pertencen os organismos utilizados nos ensaios ecotoxicolóxicos. Isto é debido principalmente á dificultade de diferenciar algunhas das especies test doutras morfolóxicamente moi semellantes. Por outra parte, nalgúns grupos de invertebrados é común a presenza de especies crípticas, é dicir, complexos de dúas ou más especies clasificadas de xeito erróneo baixo un único nome”, explica Verónica Rojo.

Para solucionalo, a empresa coruñesa emprega a tecnoloxía ‘DNA barcoding’,  “que consiste en analizar a secuencia dunha rexión particular do ADN e comparala con secuencias de referencia existentes nas bases de datos. Deste modo, non só é posible determinar a identidade específica dunha mostra descoñecida, senón tamén detectar diferentes liñaxes xenéticas que poidan revelar a existencia de especies crípticas”, conta a responsable da empresa.

Are your test specimens verified? from AllGenetics on Vimeo.

A idea de ofrecer un servizo de verificación de especies test para as empresas de Ecotoxicoloxía xermolou xa no ano 2013, cando AllGenetics participou na coordinación do proxecto “Eisenia Barcoding Initiative”. Nel, aplicouse o DNA barcoding para identificar as especies de miñoca do xénero Eisenia empregadas por laboratorios de Ecotoxicoloxía de distintos países. Os resultados deste traballo, que foron publicados na revista Applied Soil Ecology, demostraron que non tódolos laboratorios utilizaban a mesma especie de Eisenia para realizar o mesmo tipo de ensaio, e que o nome de Eisenia fetida pode englobar en realidade dúas especies diferentes. A raíz deste proxecto, a verificación de especies test estase a regular pola ISO grazas á iniciativa de AllGenetics e a compañía alemá ECT Oekotoxikologie.

AllGenetics, ubicada no campus de Elviña da Universidade da Coruña, é actualmente a única compañía especializada na verificación de especies test. “Ademais de ser un servizo pioneiro con moi boas perspectivas a nivel empresarial, estamos moi contentos de poder aportar os nosos coñecementos técnicos na mellora do testado ecotoxicolóxico. Isto fará que os tests sexan máis rigurosos e homoxéneos e conlevará unha maior protección do medio ambiente”, puntualiza Rojo.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.