Venres 29 Marzo 2024

Unha colleita de cogomelos caseiros na borra do café

 Español bandera-uk English

A idea pode parecer chocante, pero hai cogomelos que crecen nos pousos do café tan ben como no monte. Non hai que esperar ao outono nin someterse a suxestións paranoicas sobre se o fungo que levamos á boca estaría mellor no chan que no prato. Na cociña ou no salón, sobre un kit de autocultivo no que o principal ingrediente son os restos dos cafés dos veciños de Vigo sementados con micelio – os filamentos subterráneos que nutren o fungo-  poden lograrse en 21 días tres cultivos de 700 gramos de cogomelo ostra, unha variedade que de maneira natural medra, cun sombreiro que lembra ao do bivalvo, nos talos dos salgueiros.

Polo momento, o cogomelo ostra foi o que mellor se adaptou ao café
Polo momento, o cogomelo ostra foi o que mellor se adaptou ao café

O cultivo caseiro de cogomelos na borra do café promóveo a empresa viguesa Resetea e é hoxe o negocio de catro socios, todos de Vigo, premiado no XII Concurso de Ideas Empresariais Innovadoras da Universidade de Santiago. A súa filosofía resúmea un deles, Luis López, coa máxima de que “os residuos non existen”. Polo menos uns 2.000 clientes en toda España tentárono aplicar na pasada campaña de Nadal comprando un dos seus kits de autocultivo por 19,90 euros: unha caixiña de cartón que contén a bolsa co substrato de café do que brota o fungo.  É posible gozar deles tanto nestes meses nos que a choiva do outono saca da terra todo tipo de chapeus comestibles e tamén fóra de tempada, cando a natureza fai morrer o froito e o fungo volve á súa fase vexetativa. Así se lle dá tamén un uso aos do café, que non só ocupan moito espazo en vertedoiros senón que ademais ao descompoñerse emiten metano, un gas que favorece o efecto invernadoiro. Unhas 393.000 tazas de café reciclado son capaces de producir 4.700 quilos de cogomelos lonxe do medio natural.
O equipo de Resetea está formado por un biólogo (Iñaki Mielgo), un informático (Beltrán Orío), un licenciado en administración e dirección de empresas (Cristian Suárez) e un deseñador gráfico (Luís López) e comezou como o experimento afeccionado dun grupo de amigos. Querían ver que cogomelos podían cultivarse usando distintos substratos de materiais reciclados. Fixeron as primeiras probas cos pousos cedidos pola cafetería da súa rúa. “Un dos socios comprou micelio e vimos que era viable. Logo presentamos o proxecto a un concurso da Universidade de Santiago e déronlle o premio á innovación empresarial. Despois seguimos investigando, cun método de ensaio-erro, porque que os cogomelos crezan en Galicia, coa humidade que temos, é relativamente fácil. Non o é tanto en Madrid”, conta López.
Se os residuos non existen significa que algo hai que facer co que habitualmente rexeitamos por inservible. “Nós tratámolos como unha materia prima máis. Queremos dedicar a nosa empresa á economía circular”, propón López, que non aspira a atopar no café unha fórmula máxica para plantacións urbanas porque o obxectivo é máis ben diversificar cara outros produtos, como a monda da laranxa, ou atoparlle rendibilidade a outros desprezados, como a cuncha do mexillón. Pero estas aínda son ideas sen aterrar, advirte con prudencia este impulsor de Resetea.

Os impulsores de Resetea queren dedicar a empresa a sacar proveito da economía circular

A loxística de Resetea é sinxela para o cliente que adquire o kit de autocultivo pero non o foi tanto para estes catro socios sen experiencia anterior no sector, máis aló de que un deles é biólogo de formación. “Soamente traballamos con cogomelo ostra, que é moi resistente e o que mellor se nos adaptou. Oxalá puideramos ter níscaros ou boletos, pero non os conseguimos con este substrato. Algo complicado foi o proceso de esterilización dos pousos, porque aparecían outros organismos que lle gañaban ao fungo”. A competencia resolveuse controlando os niveis de temperatura e humidade do substrato.  O café recollido nos bares amigos, agora mesmo El Cafetal, de Vigo, e a marca de vending Delikia Fresh, déixase a remollo durante unha noite e logo, xa escorrido, embólsase nas cantidades do futuro kit de autocultivo. Sométese a pasteurización con temperaturas de 80 graos e, xa listo, engádeselle o micelio. Aínda queda un proceso de incubación de 21 días, no que o substrato debe estar a uns 23 graos de temperatura.
Para o cliente, so queda abrir a caixa na que vén gardada a bolsa selada co micelio, facerlle un corte e tela en auga durante un día. Vólvese logo á caixa de cartón, que nuns días se converterá nunha sorte de tarro de cogomelos caseiros: en menos dunha semana, humedecendo o substrato de café a diario, brotarán os primeiros fungos. Así até tres ou mesmo catro veces.

Publicidade

Para quen teña dúbidas: os fungos non absorben a cafeína da borra do café

O café, unha vez cumprida a súa función de substrato de cogomelos, volvería á súa condición de residuo se logo da colleita acabase na bolsa do lixo. Resetea atopou unha solución tamén para iso, desta vez máis clásica. “O substrato converteuse xa nun abono natural“, explica López, “e ocorréullenos comercializar tres bolsiñas de perexil, alfábega e cilantro para poder así pechar o ciclo”.
Os cogomelos non sempre tiveron boa fama. En sentido estrito, levan anos xa superando os estigmas e alimentado a curiosidade de afeccionados ao monte, á natureza e o bo comer. Ademais, o proxecto permite traer á casa un proceso natural a miúdo descoñecido, o dos fungos. “Perdéuselles o medo. Os que se animan co kit poden ter cogomelos na súa propia cociña e sempre acaban moi sorprendidos polo rápido que crecen. Á vez o proxecto ten un gran valor didáctico, permite explicarlle aos nenos cal é o ciclo dun fungo e introducir á xente no mundo da reciclaxe. Un pouco de creatividade e innovación podes xeral algo que ten valor”.
Agora a empresas afronta a campaña de Nadal buscando novos provedores, porque o interese neste produto aumenta tanto estes meses que nin os máis cafeteiros son capaces de abastecer as necesidades de Resetea nestas datas. É posible que a próxima vez que o camareiro baleire os pousos logo de servirlle o cortado estea en realidade reciclando.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Como lograr vivendas autosuficientes como a Estación Espacial Internacional

As casas do futuro tenderán a comportarse como un ser eficiente e autosuficiente, que trate de vivir en simbiose coa contorna natural

O desperdicio alimentario, un buraco negro na busca dunha economía circular sostible

Adaptar o consumo ás nosas necesidades e cociñar a nosa propia comida son algúns dos consellos par reducir os refugallos

Estes son os 10 cogomelos máis raros que podes atopar en Galicia

Pola súa forma, ou polo seu tamaño, incluso os hai que brillan na escuridade. Recompilamos as especies máis peculiares dos montes galegos

Cal é a mellor época para coller cogomelos?

Un estudo da USC conclúe que os 'boletus' apañados entre outubro e decembro son recursos micolóxicos de primeira categoría