Venres 29 Marzo 2024

Un lactario para conservar o leite materno no traballo

O parque industrial de Porto do Molle, en Nigrán, ten desde hai menos dun mes a honra de ser o primeiro lugar de traballo de España en contar cun lactario, un espazo íntimo no que as traballadoras que estean a dar o peito aos seus bebés poden sacar o leite cun extractor eléctrico, conservalo nun frigorífico e, acabada a xornada laboral, levala á casa nas mellores condicións. O concepto naceu da experiencia de Paula e Esther Dagá, dúas irmás de Tui que coñeceron nas súas propias carnes os malabarismos, présas e frustracións que leva a dobre condición de empregada e nai lactante.

Algúns dos complementos que fabrica Bialactis
Algúns dos complementos que fabrica Bialactis

Química con máster en nutrición unha, e experta en biotecnoloxía a outra, crearon fai tres anos Bialactis, unha empresa de base tecnolóxica asentada en Nigrán e desenvolvida  durante a primeira edición do acelerador Vía Vigo, do Consorcio da Zona Franca. Están especializadas na fabricación de complementos alimenticios probióticos e Omega 3 para diferentes etapas da vida, especialmente a infancia, a adolescencia e o embarazo, ademais de ofrecer análises microbiolóxicas, nutricionais e inmunolóxicas do leite materno -dispoñible en farmacias en cuestión de meses- e espazos de conciliación como o innovador lactario de Porto do Molle. Unha filosofía repartida entre varias liñas de negocio que aspira a “mellorar a calidade de vida das persoas”. A lactancia materna, recomendada nos seis primeiros meses do vida do bebé, é parte deste empeño.

Publicidade

Recoméndase a alimentación con leite materno nos primeiros seis meses de vida, pero non é doado cumprilo

Segundo Esther Dagá, unha das socias de Bialactis, as nais atopan máis problemas que facilidades ao continuar alimentando ao bebé co seu leite unha vez se reincorporan aos seus postos de traballo. “Por unha banda a Organización Mundial da Saúde, as matronas e os pediatras dinche que o recomendable é dar o peito de maneira exclusiva durante o primeiros seis meses de vida, pero por outro as mulleres atopan moitas dificultades para cumprilo, acaban sacando o leite en cuartos de baño, pechadas, agochadas. O 45% delas abandonan antes polos obstáculos que atopan”. O espazo habilitado en Porto do Molle consta de tres postos individuais, dotados de cadeiras, unha mesa e unha lámpada, e 12 armarios frigoríficos nos que outras tantas mulleres poden gardar, baixo chave, o leite até o final da xornada de traballo. Funciona cun sistema de reserva de prazas habilitado na propia páxina do polígono de Porto do Molle e as usuarias recibírono, asegura Dagá, con moito agrado. “Sorprende a innovación. O máis oído é ‘isto é o que necesitaba eu!”, conta.

Países latinoamericanos como Perú ou Brasil están máis familiarizados cos lactarios e os bancos de leite que os europeos

O lactario ofrece a seguridade de que cada armario frigorífico se pecha con chave, para que non haxa confusión posible, condicións de refrixeración de entre 5 e 8 graos e, sobre todo, tranquilidade, un espazo amable que facilita a extracción do leite dentro do horario laboral. Conta que na vangarda deste tipo de proxectos está Latinoamérica; países como Perú, que obriga a ter lactarios ás empresas de máis de 20 traballadoras, ou Brasil, onde os bancos de leite son frecuentes, amosan máis sensibilidade cara a muller que dá o peito. “É unha tarefa rápida se a muller o fai nunha contorna agradable e está relaxada. Ademais, cando a muller se reincorpora ao traballo xa pasaron meses do parto e a extracción adoita ser máis sinxela”, explica Dagá, quen despois desta primeira experiencia quere estender o modelo a outras empresas e institucións. A creadora de Bialactis defende que este tipo de iniciativas favorecen a conciliación e axudan a que o espazo laboral sexa máis agradable en momentos non sempre doados para a muller lactante. “É unha época na que afloran moitas inseguridades, porque todo o mundo opina. As lactancias non sempre son fáciles, ás veces aparecen dificultades e molestias”, admite Dagá.

Pero non é este o único proxecto de Bialactis para nais lactantes. Nuns meses, baixo a marca Maternallis, a empresa ten previsto levar ás farmacias unha especie de kit de análise microbiolóxica e nutricional do leite materno, pensado para que a nai prepare a mostra na casa. Ademais inclúe transporte validado ao laboratorio. “Non está concibido como servizo, senón como un produto. É curioso que o leite materno sexa o único fluído natural que non se analiza a nivel privado nin público. Facelo permite actuar a tempo ante unha mastite, por exemplo, ou tranquilizar ás nais que teñen dúbidas de se o seu leite é dabondo nutritivo para o neno”, argumenta Dagá.

As análises de leite materno axudan a actuar ante unha mastite e a comprobar o poder nutritivo deste alimento

A liña para nais é a máis recente de Bialactis, que ten desde fai algo máis dun ano outros catro produtos no mercado, xa máis asentados. Os complementos alimentarios con probióticos -bacterias vivas- especializados para cada etapa da vida, son actualmente o seu produto estrela, que comercializan en farmacias e na súa páxina web baixo a marca Nutralactis. Desenvolveron liñas para bebés non lactantes e nenos, suplementos en cápsulas para reforzar as defensas dende a adolescencia á madurez, outros para embarazadas e mulleres que dan o peito e mesmo unha específica de Omega 3. Até pensan nos celíacos e os intolerantes á lactosa. “Funcionan moi ben contra problemas intestinais cada vez máis habituais polo noso modo de vida, pola tensión. Os complementos alimenticios están a vivir aquí o seu espertar, de aí a tendencia á alza, son o produto de parafarmacia que máis crece. En países como Xapón están xa moito máis desenvolvidos”, compara Dagá. Para o futuro queda a investigación dunha terceira liña de negocio, a dos suplementos para animais destinados a granxas bovinas ou acuícolas. A prohibición da Unión Europea en 2006 dos antibióticos como potenciadores do cremento  nas explotacións gandeiras augura “un escenario prometedor para que os probióticos se alcen como alternativa”, explica, aínda que os tempos se dilatan. “As canles de aprobación e ensaio nestes casos son complexos”, advirte.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas