De esquerda a dereita, José Luis Alba, Manuel Ubeira e Elisardo González, impulsores de Releyeble.

De esquerda a dereita, José Luis Alba, Manuel Ubeira e Elisardo González, impulsores de Releyeble.

Releyeble, a cara é o espello do cliente

A empresa viguesa desenvolve unha tecnoloxía de análise facial para mellorar a interacción entre empresas e consumidores

O refraneiro di que a cara é o espello da alma. Isto sábeno ben en Releyeble, unha compañía viguesa que decidiu basear o seu modelo negocio na análise das emocións faciais dos clientes e das persoas, en xeral, que observan os escaparates e pantallas nas grandes superficies.

“Facemos produtos que recoñecen, comprenden e interaccionan coa xente”, explica Elisardo González, CEO de Releyeble. “Convertemos calquera cámara nun sensor intelixente con tecnoloxía de análise facial. Así medimos as características de cada persoa: o sexo, a idade, a aparencia, a atención e as emocións (alegría, sorpresa, noxo, ira, medo e tristura), etc. para ver que reacción lles causa a visualización dun determinado anuncio ou escaparate”.

“Convertemos calquera cámara nun sensor para a análise das emocións faciais”

A través de técnicas de procesado de imaxe que identifican diversos puntos faciais, obtense unha ‘radiografía anónima‘ de cada cliente. Isto permítelle a cada empresa identificar o seu público obxectivo, ver que tipo de produtos son máis atractivos para cada perfil e, por tanto, adaptar a súa oferta ao consumidor.

Releyeble é unha spin-off da Universidade de Vigo na que un dos promotores,  José Luis Alba, traballa como profesor na Escola de Telecomunicacións. “Xa levabamos tempo traballando no desenvolvemento da visión a través de computadores, pero queriamos levar ese coñecemento ao mercado para solucionar problemas no mundo real”. E así xurdiu o proxecto, ao que pouco despois se uniu Manuel Ubeira, tamén enxeñeiro de telecomunicacións.

¿E quen se pode beneficiar desta tecnoloxía? Elisardo González apunta dous nichos principais. Por unha parte, o sector da cartelería dixital, no que as empresas poden medir o impacto dos seus anuncios e desenvolver unha interacción efectiva coa audiencia. Neste eido, Releyeble xa traballa con empresas como Poster Digital.

Por outra banda destaca o mundo do neuromárketing, vinculado sobre todo ao sector audiovisual, onde os anunciantes poden analizar as reaccións da xente ás súas campañas publicitarias ou preestrenos. Empresas como Sociograph están na súa carteira de clientes.

Unha mostra do funcionamento da tecnoloxía de Releyeble.

Unha mostra do funcionamento da tecnoloxía de Releyeble.

A evolución do proxecto desde o seu comezo foi constante. En 2013, Releyeble conseguiu un posto entre os finalistas da aceleradora VíaVigo. A mentorización permitiulles desenvolver un produto viable e profundar no mercado. “Tamén comezamos a coñecer todo o que hai arredor do mundo da empresa. É complicado pasar do mundo investigador ao mercado, pero conseguimos dar ese paso”, conta Elisardo. O CEO de Releyeble explica que no salto ao mercado “aprendes que a parte do negocio é fundamental, para ter un bo produto, primeiro hai que escoitar aos teus clientes, e construír una solución que lles resolva os seus problemas.”

En 2014, Releyeble tamén foi seleccionada na aceleradora Galicia Open Future, a través da cal conseguiu explorar varios mercados onde a súa tecnoloxía podía aportar valor, coma o do retail, o dos centros comerciais e o da cartelería dixital. Nese mesmo ano foi finalista co seu modelo de negocio no evento de emprendemento  iberoamericano SPIN2014, organizado por RedEmprendia  en Cidade de México.

A tecnoloxía de Releyeble está presente nos aeroportos de Osaka, Zurich ou Xenebra

Na actualidade, a empresa xa está consolidada e en plena expansión internacional. En febreiro deste ano asistiron ao ISE en Amsterdam, a maior feira europea do sector, no que contactaron con numerosas compañías de todo o mundo. Agora mesmo, xa teñen en marcha varios proxectos con empresas nacionais como 104cubes, IPGlobal, ou Disashop, e a tecnoloxía de Releyeble xa funciona en aeroportos como os de Osaka, Zurich ou Xenebra.

Nun sector en plena efervescencia, Releyeble centra unha importante parte dos seus esforzos na mellora constante da tecnoloxía. “Agora estamos centrados na medición de emocións e a súa aplicación a produtos reais. Tampouco podemos perder de vista a labor de comercialización para establecernos e consolidarnos no mercado europeo”, di Elisardo González.

 

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.