Xoves 28 Marzo 2024

Peryco: os comparadores chegan á beleza

A proliferación do comercio online favoreceu que os consumidores teñan acceso moito máis rapidamente á información dos produtos que desexan comprar. E que ademais poidan obtela no momento previo da compra. O que fomenta a comparación de produtos, modelos, marcas, puntos de venda e, sobre todo, prezos. Para facilitarnos aínda máis as cousas e non ter que visitar múltiples plataformas, creáronse os comparadores. E en 2016, Peryco -acrónimo de Perfumería e Cosmética- chega a cubrir un sector no que practicamente non existían: o da beleza.

Nunha primeira fase compárase o prezo dos perfumes, pero ao vir en distintos tamaños debemos valorar tamén a cantidade en cada frasco. “A xente tende a pensar que a maior cantidade, máis barato, pero en perfumería iso non é sempre certo”, explica Manel Soto, CEO e fundador, xunto ao seu irmán Jordi e a Sandra Pena, de Peryco.

Publicidade

Consola de Peryco.
Consola de Peryco.

Ao falar de comparar perfumes non falamos de comparar fragancias, senón de ver cal dos envases contén maior concentración. Temos dous tipos principalmente: un EDT (Eau de Toilette) ou un EUP ( Eau de Parfum).

“Non existen valores de concentración establecidos pola industria, pero si rangos”, comenta Manel. E desta forma, un EDT ten menos concentración que un EDP. Será a nosa decisión, baixo noso persoal gusto olfativo elixir cal dos dous tipos queremos.

Ademais de fragrancias e cosméticos, Peryco está a incorporar tamén ofertas en centros de beleza. A día de hoxe conta con 100 centros, pero esperan chegar aos 2.000 en marzo.

Romper coa estacionalidade
A orixe da idea, como tantas outras, nace da propia experiencia de Manel ao buscar por internet un perfume para agasallar nun nadal. Tanto el como o seu irmán Jordi, ambos chegados do web scraping para outras marcas (técnica utilizada para sacar información dun sitio web), decatáronse de que non había unha ferramenta que facilitase o enorme labor de comparar prezos.

“Ao principio tivemos que loitar contra moitas marcas e tendas, que son as que marcan os prezos, e poida que fose o máis complicado”, recoñece Manel. Con todo, o que lles permitiu crecer e diferenciarse do resto é que desenvolveron a súa propia base de datos e non dependen de ningunha tenda para poder ter acceso á información.

“Hai algunhas páxinas e marcas que nos avisan dalgún cambio, pero outras non”. Ademais, a maior parte das vendas de perfumes fanse en Nadal ou no día da nai, polo que é complexo manter unha empresa así. Por iso foron diversificándose, engadindo cosméticos e tendas de beleza.

A empresa, que opera en España cun tráfico mensual de 60.000 persoas, está lista para saír ao exterior. A web xa está montada e a expansión a Francia baixo unha nova marca, wibeti, era inminente. “Pero démonos conta no programa Via Galicia que tiñamos que mellorar cousas”, admite Manel. “É mellor facernos fortes aquí que darnos un sopapo aí fóra”. Tras Francia abordarán Latinoamérica, con México, Brasil e Chile como zonas principais.

Peryco xa prepara a súa expansión a Francia e a Latinoamérica

A fonte de ingresos de Peryco é como a doutros buscadores e comparadores: custo por clic e custo por cada venda pechada. E son optimistas, porque saben que a tendencia é cara ao aumento do comercio online. E por tanto, deste tipo de servizos.

“O que vale está nunha gran empresa ou traballando fóra”. Un dos retos de Peryco, a ollos de Manel, é a dificultade para atopar bos e experimentados desarrolladores. “Non é que non os haxa, é que ou están en Madrid ou Barcelona ou en empresas potentes do sector” coas que unha start- up como Peryco non pode competir en canto a salarios.

E aínda que recibiron financiamento da aceleradora de Via Galicia, necesítana como un importante colchón para poder empezar a empresa e comezar a subcontratar servizos. “Aquí tes que saber facer de todo, pero a calidade se paga”.

Para eles o futuro e a esencia de Peryco está en pasar dun comparador a unha comunidade, e de aí a un mercado. Polo momento, na nova actualización implementada no mes de novembro, facilítase a procura de cosméticos dos que descoñezamos marcas ou modelos. “Se estás a buscar unha crema solar, que saibas que modelos e marcas hai”, explican.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Data Monitoring: tecnoloxía punta para o campo e a industria

A compañía lucense é finalista dos Premios Spin-Off PuntoGal

Psico VR, escenarios virtuais contra os medos e as fobias

A start-up pontevedresa é a gañadora do IV Premio Spin-Off PuntoGal na categoría de Idea Emerxente

Orballo, os pioneiros que lanzaron o primeiro té ecolóxico galego

A firma das Mariñas aposta por xerar valor engadido na súa bisbarra cun modelo produtivo ecolóxico

Deseños creativos con firma infantil

Mr. Broc utiliza as novas tecnoloxías para converter en agasallos personalizados as ideas dos nenos