Laboratorios de Quescrem.

Laboratorios de Quescrem.

O queixo que naceu na universidade

Innolact desenvolve con éxito ata 50 variedades dun queixo cremoso xurdido da Aula de Produtos Lácteos de Lugo

bandera-galiciaEspañol bandera-ukEnglish

Cando en 2006 aquel queixo cremoso saíu da Aula de Produtos Lácteos de Lugo para aventurarse como artigo comercial en toda regra, os máis avezados predixeron que sería un bombazo. Nove anos máis tarde, as súas previsións cumpríronse. O achado da Universidade de Santiago de Compostela fíxose empresa, Innolact, que acabou 2014 cunha facturación de 6,5 millóns de euros coa súa marca Quescrem. O nome non engana: queixo de untar. A novidade inicial: a súa elaboración con soro da manteiga.

Carlos López.

Carlos López.

Aquela aula universitaria foi o embrión dun proceso que permitiu a Innolact producir dende a súa fábrica, situada en Castro Riberas de Lea (Castro de Rei, Lugo), ata 50 referencias distintas que se comercializan en máis de 35 países. “A innovación é fundamental no proxecto, pero tamén a internacionalización”, analiza o seu director adxunto, Carlos López Mosquera. É unha spin-off de éxito, unha idea do ámbito universitario feita economía, baseada nunha nova tecnoloxía que inclúe o uso de coproductos da industria láctea de alto valor funcional e baixo custo. Entre algunhas das súas máis recentes achegas encóntrase un queixo con algas da variedade Wakame, recollidas nas costas galegas de forma artesanal, que se comercializa en grandes superficies, aínda que as grandes industrias do sector alimentario (fabricantes de bolería, pizzas ou sobremesas, por exemplo), e non o consumidor final, son os seus clientes fundamentais.

A spin-off da Universidade de Santiago facturou 6,5 millones en 2014

“Na orixe, todo xurdiu ao comprobar, na Aula da Universidade, en Lugo, a posibilidade de desenvolver unha nova tecnoloxía de queixos untables a través dunha materia prima cunhas vantaxes moi importantes: de sabor, de produción, organolépticas”, recorda López Mosquera. Para facer aquel sono realidade foi preciso un esforzo de capitalización ata reunir un 420.000 euros. O 66% dos fondos son de orixe privado, achegados dende círculos universitarios ou do sector lácteo. O terzo restante xestionouse a través dos instrumentos de investimento da Xunta (Xesgalicia) e da universidade de Santiago (Unirrisco).

A esa cantidade sumóuselle un investimento de 1,2 millóns, necesario para lanzar o produto e ampliar a fábrica de Castro de Rei, que se financiou con préstamos participativos ou créditos bancarios. Tras as perdas dos tres exercicios nos que aínda non se comercializaba o novo queixo, a partir de 2010 comezouse a compensar o déficit. A empresa vai vento en popa. A previsión para 2015 pasa por alcanzar os 7,2 millóns de euros de facturación, case un 11% máis que o pasado ano.

Ademais da innovación e a comercialización, a personalización do produto, o traballo á medida para sectores industriais que requiren un queixo moi específico, é outra das claves do éxito de Quescrem. E a cuarta sería a calidade da materia prima de Galicia. “Temos a mellor do mundo, pero fai falta poñela en valor, ofrecer máis e mellor”, propón López Mosquera.

O catálogo de Quescrem, o seu nome comercial, véndese en 35 países

Non é estraño que a ministra de Agricultura, Isabel García Tejerina, elixise as instalacións de Innolact na visita á provincia que realizou o pasado 21 de abril. Cualificada como Empresa de Base Tecnolóxica, a spin-off se acolleu ao programa Innterconecta 2013 nun proxecto con sete grupos científicos e outras cinco empresas que trata de demostrar os efectos saudables dos produtos autóctonos de Galicia. Trátase de Galiat 6 +7, que pon a lupa en distintas variedades de viño, o aceite de oliva galega, os mexillóns das rías, grelos, berzas e, por suposto, o queixo de crema. Ata 135 familias sometéronse á dieta atlántica con produtos do país, mentres outro grupo combinaba calquera alimento. O experimento determinará as vantaxes para saúde da dieta propia de Galicia.

Planta de envasado.

Planta de envasado.

A investigación non se detén. Dos ao redor de 40 empregados con que conta, 32 deles fixos, un grupo de seis persoas mantén a tensión no departamento de I+D, ao que se lle destina cada ano o 8% da cifra global de negocio. Unha das súas últimas achegas, tamén integrada no proxecto Galiat 6 +7, é un ensaio destinado a tenreiras de recría para leite, que verán complementada a súa alimentación cunha bebida probiótica que reforzará os seus defensas. O experimento, que emprega un produto obtido a través dunha tecnoloxía de fermentación con gránulos de kéfir, con microorganismos vivos, realízase en 120 explotacións da Terra Chá.

Outro exemplo de investigación púxose en marcha no verán de 2013, cando o hospital vigués Povisa, en colaboración co CSIC, a Universidade de Vigo, Biscuits Galicia e Innolat, comezou a probar en 150 pacientes a acción dos alimentos intelixentes: comestibles modificados no laboratorio para obter propiedades similares ás dos medicamentos. En concreto, próbanse un queixo para a hipertensión que leva caseína, unha proteína; unha galleta para mellorar a absorción de ferro, indicada por exemplo para a anemia, e iogures líquidos para a absorción de calcio, válidos para a osteoporose provocada pola menopausa.

Un queixo sen lactosa, outro que resiste o quentamento e procesos de conxelación e desconxelación sen alterar as súas propiedades, novos produtos comerciais con olivas ou sabor a San Simón e Torta de Casar… Ou o primeiro queixo crema ecolóxico de España, impulsado en alianza con The Bio Factory. O desenvolvemento de novas investigacións que dan lugar a produtos continúa nesta fábrica de queixos xurdida a súa vez dunha fábrica de ideas, catalogada entre as vinte compañías innovadoras de éxito de Galicia e cualificada como empresa gacela no informe Ardán da Zona Franca de Vigo. Todo iso grazas a un produto, o seu queixo cremoso, do que se pode dicir que naceu nunha universidade.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.