O equipo de Monet, de esquerda a dereita: ose Antonio Gay, Débora Franco e David Rey.

Monet, tecnoloxía para mimar as vides

Unha plataforma creada por esta empresa galega axuda ás bodegas a manter as súas plantacións libres de enfermidades

A prevención e o control das enfermidades das vides é unha das principais preocupacións dos empresarios do sector vinícola. Ante estas situacións, a empresa galega Monet Viticultura desenvolveu unha plataforma que lles permite aos donos das plantacións comprobar o estado das súas parcelas a tempo real desde calquera dispositivo conectado a Internet. “Un bo coidado e seguimento das plantacións permite reducir o uso de fitosanitarios e outros produtos químicos, polo que a calidade da uva será mellor”, sinala Débora Franco, cofundadora de Monet.

A ferramenta permite realizar un control en tempo real do estado das vides

A idea ten a súa orixe a finais de 2012. Tres enxeñeiros de telecomunicación, Débora, David Rey e José Antonio Gay, que exercían como investigadores na Universidade de Vigo, levaban tempo traballando na aplicación das novas tecnoloxías ao sector primario e a industria. “Naquel momento, observamos que nestes sectores se compilaban moitísimos datos, pero que non se organizaban dun xeito comprensible para sacar o mellor rendemento posible deles”, lembra Débora.

Comezaron a esbozar o seu proxecto e a comezos de 2013, recibiron un dos oito galardóns outorgados polo concurso Incuvi Emprende, unha iniciativa da universidade viguesa que pretendía poñer en valor os proxectos de I+D+I que xorden no eido universitario. A finais dese mesmo ano, tamén foron recoñecidos pola aceleradora de empresas VíaGalicia. Máis tarde, en marzo de 2014, constituíron a empresa, contando cunha enxeñeira agrónoma, Eugenia Comesaña, para ter unha visión máis próxima ao sector vinícola. O proxecto xa navegaba a toda vela.

A plataforma ten un código de cores onde se indica o risco de aparición de enfermidades.

A plataforma ten un código de cores onde se indica o risco de aparición de enfermidades.

Monet emprega calquer estación meteorolóxica, pública ou privada, para recoller datos ambientais, como a temperatura ou os niveles de choiva, humidade nas follas e vento, etc., e ofrece unha predición meteorolóxica personalizada a nivel de parcela. Sobre estos datos execútanse os  modelos de valoración e predición de enfermidades, xa que a doenza ten máis ou menos risco de aparecer dependendo das condicións do clima. O risco da aparición de determinadas enfermidades está configurado a través dun código de cores (verde, amarelo, laranxa, vermello, etc.) que indica o nivel de probabilidade de aparición destas patoloxías.

“Con Monet Viticultura pódese xestionar a plantación dun xeito máis organizado”, comenta Débora Franco. “Por exemplo, hai adegas que teñen varias parcelas separadas por varios quilómetros de distancia. Os encargados de supervisalas adoitan facer un percorrido rutinario, da máis próxima á máis afastada. Pero co noso sistema, xa se poden dirixir directamente a aquela parcela que requira máis atención e coidados nese momento concreto”, polo que o traballo é máis eficiente.

A atención do sistema a cada parcela é prácticamente personalizada

A ferramenta “aprende de si mesma”, segundo explican desde Monet, polo que a atención a cada adega e cada plantación é case que personalizada. “Pódense adaptar os parámetros de cada modelo de enfermidade para cada variedade de uva e para as características de cada parcela. Ademais, o usuario pode indicarlle ao sistema as tarefas de mantemento que realiza: unha rega, utilización de fitosanitarios, poda de vides…”, explica Débora. Do mesmo xeito, tamén se poden rexistrar as incidencias que xurdan: a rotura dunha cepa, a aparición de síntomas dalgunha doenza nas plantas, etc.

Cada adega pode engadir tantos perfís de usuarios como precise. Así, o sistema ofrece un resumo dos datos ambientais de cada parcela. Os datos pódense filtrar por data, enfermidade ou parámetro ambiental. Consta de outra sección para engadir as incidencias e as actuacións que teñan lugar na plantación a modo de cuaderno de explotación. A maiores, incorporouse recentemente un apartado coa información dos índices de vexetación, con datos relativos ao vigor das plantas e o estrés hídrico, que se recollen a través do procesado de imaxes satélite das parcelas.

Neste momento, Monet conta xa con 12 clientes de varias denominacións de orixe protexida, espalladas por Galicia, Castilla y León, La Rioja e Navarra.  Actualmente, segundo explica a súa cofundadora, a empresa ten dúas vías de traballo. Por un lado, a vía principal, na que buscan seguir desenvolvendo a plataforma e mellorándoa segundo as necesidades que vaian aparecendo. Nesta liña, en colaboración coa USC,  teñen en mente estender as súas investigacións ao control das pragas de insectos, que tamén afectan ao sector do viño. A outra vía, na que tamén traballan, é empregar o seu sistema a outros sectores, como o da produción de aceite, onde cren que tamén pode ofrecer solucións moi interesantes.

 

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.