Xoves 28 Marzo 2024

O software galego que empregan Bayer, Harvard e o Pentágono

Mestrelab naceu como unha spin-off dun departamento universitario e pouco máis de 10 anos despois é unha empresa con clientes en máis de 70 países, algúns tan distinguidos como a Universidade de Harvard, o Pentágono ou o xigante farmacéutico Bayer. A súa historia de éxito, da que forman hoxe parte 30 traballadores, é a do software de resonancia magnética nuclear (RMN), unha técnica que ten os mesmos principios que a resonancia usada nos hospitais para detectar enfermidades ou lesións, pero aplicada neste caso para definir a estrutura de moléculas e biomoléculas. “É a técnica analítica máis poderosa e versátil usada practicamente en todos os campos das ciencias puras e aplicadas, incluíndo a investigación química, a ciencia dos materiais, o deseño de fármacos ou a investigación biomédica”, aclara Carlos Cobas, presidente da empresa e o antigo doctorando da Universidade de Santiago de cuxa tese xurdiu a firma que hoxe é o Mestrelab.

Tablet deseñada por Mestrelab para a análise de espectros de RMN
Tablet deseñada por Mestrelab para a análise de espectros de RMN

O software comercializado pola empresa en boa parte do mundo -só o 3% do seu mercado está en España, aínda que a súa sede central está en Santiago de Compostela– procesa mediante complexos algoritmos matemáticos datos sobre a estrutura de moléculas e sobre as posibles unións con proteínas útiles para o deseño de fármacos. Esta ferramenta é de gran utilidade para laboratorios e empresas de biomedicina porque, apunta Cobas, “a diferenza da imaxe por resonancia magnética dun hospital, a información proporcionada polo equipamento de RMN non xera unha representación directa de moléculas ou estruturas moleculares baixo estudo”. Ao contrario, a RMN produce datos abstractos para o investigador, que necesitan procesarse para ser útiles e converterse en información química relevante. É esa conversión a que facilita Mestrelab coas súas ferramentas, especialmente atractivas para a industria farmacéutica e alimentaria.

As ferramentas de Mestrelab son especialmente atractivas para a industria farmacéutica e alimentaria

Ademais destes software que xa se comercializan, os proxectos de I+D de Mestrelab, centralizados en Galicia, encamíñanse agora cara ao deseño de solucións quimioinformáticas que ensamblen datos químicos nunha plataforma accesible desde calquera lugar e dispositivo. Outros proxectos buscan novos métodos de cálculo das propiedades físico-químicas e estruturais de moléculas para a súa aplicación en fármacos. O horizonte de negocio foi diversificándose co paso dos anos cara a outras disciplinas analíticas, como a espectroscopia óptica e de masas e a cromatografía, técnica consistente na separación dos compoñentes dunha mestura usada en análise de elementos contaminantes, controis alimentarios ou mesmo deteccións de alcoholemia.

Publicidade

Mestrelab é hoxe unha empresa internacional e España só representa o 3% do seu mercado

A internacionalización de Mestrelab non é, nin moito menos, unha casualidade. Ese foi o seu espírito desde a creación da spin-off en 2004 polo propio Carlos Cobas xunto a Javier Sardina, profesor da Universidade de Santiago e encargado do procesado, análise e simulación de espectros de RMN de alta resolución, e Santiago Domínguez, o terceiro dos fundadores, xa con experiencia internacional na industria química. “O mercado natural de Mestrelab foi desde o primeiro día de carácter internacional. De feito, xa antes de crear a empresa, o software desenvolvido durante a miña tese doutoral estaba a ser usado por investigadores practicamente en catro continentes. Hoxe os nosos produtos comercialízanse en máis de 70 países. Os países nos que temos máis presenza son Estados Unidos, Alemaña, Reino Unido, Canadá, China, Suíza e Bélxica. España representa aproximadamente o 3% do noso mercado globa”, afirma Cobas. A estrea de Mestrelab foi en Etiopía; cara a Adis Abeba saíu un software de análise de espectros de RMN pago por unha universidade sueca, o primeiro produto colocado pola empresa no exterior.
A aposta polo I+D está no ADN de Mestrelab e, aínda que a empresa se internacionalizara, a investigación apenas saíu de Galicia. Concíbese e desenvólvese en Santiago de Compostela no seu maior parte, complementada polo apoio doutra oficina aberta en Reino Unido, país no que ademais a firma instalou unha delegación comercial. Ten outras dúas máis, que atenden ás dúas costas de Estados Unidos –unha en California e a outra en Connecticut- e unha terceira en Suíza. Os seus distribuidores alcanzan países como India, China e Xapón.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un equipo galego revoluciona os fármacos contra enfermidades do corazón cun novo achado

Investigadores da USC constatan o efecto vasodilatador reversible dunha nova familia de moléculas sen causar dano nos aneis aórticos

Un equipo da USC desenvolve unha reacción Diels-Alder intramolecular sobre superficie

O estudo, desenvolto polo CIQUS, constitúe un paso adiante cara o control da reactividade das moléculas individuais

Así foi o acto de entrega dos Premios Spin-Off Punto Gal

Mestrelab (Selo de Calidade), Alice Biometrics (Idea Emerxente), e Laboratorio de Bases de Datos (Grupos de Investigación) foron os proxectos recoñecidos nesta 5ª edición