Xoves 25 Abril 2024

Lupeon: un mundo de posibilidades en tres dimensións

O da impresión 3D é un dos sectores con máis perspectivas no mundo da innovación. A posibilidade de plasmar en soporte físico os deseños realizados a través do computador supón unha gran vantaxe para empresas de diversos eidos. En Galicia hai varios proxectos en marcha centrados neste sector. Un deles é Lupeon, unha empresa impulsada por dous curmáns de Ordes, Adrián Sánchez e Luis Mandayo, especializados na fabricación de  pezas e compoñentes para a industria, usando tecnoloxía de impresión 3D ou Fabricación Aditiva.

Lupeon está especializada na fabricación de compoñentes para a industria

Lupeon botou a andar en novembro de 2012. Despois de estudar Enxeñaría Industrial en Vigo xunto a Adrián, Luis realizou o seu proxecto final de carreira en Viena, onde puido ver de primeira man proxectos moi interesantes arredor da impresión en 3D. De volta a Galicia, os dous curmáns decidiron poñer en marcha o seu propio proxecto e en abril de 2013 constituíron a empresa.

Publicidade

“Traballamos con moitas industrias como a automoción, a aeronáutica, a construción e incluso a médica”, conta Adrián Sánchez. ¿E cómo é o proceso? Explica Adrián que depende dos servizos que se soliciten. “Unhas veces, o cliente contacta con nós porque precisa un determinado deseño. Nos deseñamos o borrador e faise un orzamento inicial. En outras ocasións, xa partimos de determinados requisitos. O cliente pídenos un produto para cumprir unha determinada función, e debe ter unhas condicións establecidas (capacidade de carga, condicións ambientais, etc.). Neste tipo de casos, encargámonos da parte máis vinculada á consultoría: cal é o mellor deseño, que estrutura debe ter, que materiais se deben empregar…” resume Adrián.

Fabrican desde prototipos de baixo custo ata modelos similares ao produto final

Tal e como explican na súa web, en Lupeon ofrecen a posibilidade de fabricar desde un prototipo de baixo custo ata un modelo final de alta resolución e calidade con propiedades similares ao produto final, o que supón un gran avance para os clientes.

Neste tempo, a empresa xa se labrou un lugar destacado colaborando con ambiciosos proxectos. Iso si, a confidencialidade é case a norma debido á competitividade existente, polo que non se pode falar de temas concretos. “Fixemos un proxecto para unha empresa de Vigo que lles permitiu pechar un contrato moi importante. Encargáronnos unha maqueta e rematámola en tempo récord, polo que puideron presentar o soporte físico da súa proposta, e iso valeulles de moito”, lembra Adrián.

Prototipo dunha peza con tres eixos de xiro.
Prototipo dunha peza con tres eixos de xiro.

Houbo tamén traballos mediáticos, como a maqueta da reforma do estadio de Balaídos, que presentaron a finais do pasado ano. “Foi un proceso relativamente sinxelo, en comparación con outros, pero claro, consegues unha visibilidade que non se obtén en outros proxectos”, lembra Adrián Sánchez.

Así que, polo de agora, o camiño comezou ben. “Facturamos desde o día 1“, destaca Sánchez. Pero un campo en plena ebulición e desenvolvemento require unha renovación case diaria. “Estamos a  investir continuamente en novos equipamentos para poder ofrecer cada día produtos de maior calidade”, explica o responsable da empresa. ” Para isto precisamos unha alta capacidade inversora para estar sempre á última e unha formación continua”.

Por diante quedan aínda moitos desafíos. O máis inmediato, a industrialización do proceso de fabricación. “Co apoio de un importante grupo industrial  imos dar ese salto, que é moi importante para nós e para os nosos clientes”, conta Adrián. Ademais trasladarán en breve a súa sede de Ordes ao Polígono Tecnolóxico de Porto do Molle, en Nigrán para estar máis preto dos clientes.

Tanto Adrián como Luis son conscientes da necesidade de unir o mundo laboral coa universidade. Os dous foron impulsores da asociación Engranaxe, creada por estudantes de enxeñaría da UVigo hai seis anos. Realizan múltiples actividades para achegar estes dous mundos, como visitas a industrias, conferencias, seminarios e diversas iniciativas. Da súa experiencia, Adrián saca unha conclusión moi sinxela coa que anima aos mozos e mozas galegas a explorar o camiño do emprendemento: “En Engranaxe dicímoslle á xente que chegaba á universidade que non se limitasen a estudar, ir a clase e aprobar. Hai que buscar aquelo que che guste, atopar a outra xente á que lle guste o mesmo que a ti e poñerse en marcha, facer cousas”, conclúe.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Cales son as vantaxes do 5G na industria? Así o estuda un equipo da UVigo

Os investigadores defenden que o uso de redes privadas permiten unha comunicación inmediata, estable e constante sen cables de por medio

A contaminación foi responsable de nove millóns de mortes en 2019

O último informe publicado en 'The Lancet Planetary Health' alerta de que unha de cada seis mortes no mundo débense á polución

FREEdron, unha cartografía múltiple de Galicia

O dispositivo de captura de datos cartográficos da empresa lucense é unha aposta de futuro no eido da tecnoloxía xeoespacial aplicada ao territorio galego

Os materiais tamen teñen ‘cancro’, e estes científicos da UVigo propoñen un remedio

Un equipo da Escola de Enxeñaría Industrial da UVigo atopa un novo proceso co que controlar e guiar a corrosión mediante láser