Equipo de Kiply.

Equipo de Kiply.

Kiply, a ferramenta galega que mellora a túa produtividade laboral

A aplicación, xa dispoñible para descargar, aconsella aos traballadores sobre como aproveitar o tempo para render máis

Unha empresa galega acaba de lanzar o que pode ser o antídoto contra as perdas de tempo innecesarias no traballo e o aproveitamento óptimo dos recursos de cada traballador. A ferramenta Kiply, impulsada  por un grupo de emprendedores galegos, ten como obxectivo “axudar á xente a ser máis produtiva“, segundo explica José Higinio Cánovas, CEO da compañía. Cánovas é licenciado en Administración e Dirección de Empresas pola USC e ten un máster en Finanzas. Antes de poñer en marcha Kiply, José Higinio dedicouse á consultoría, onde empezou a madurar a idea que acabou dando os froitos desta ferramenta. “Preguntábame cómo debía funcionar a xente da miña empresa, cómo podía axudala a mellorar, e que cousas se lle daban mellor a cada traballador”.

Como é lóxico, é preciso ter parámetros que se poidan medir. Por iso, a ferramenta está pensada para xente que traballa gran parte do tempo con ordenadores. “É o que somos capaces de controlar  —explica Cánovas—. Funcionamos como unha pulseira de medición para facer exercicio, como se contaramos as calorías que se consumen ou os pasos que se dan. Pero orientado ao traballo. Comparamos os datos dos diferentes usuarios e aconsellamos onde se pode aforrar tempo ou cómo o podemos distribuír mellor”.

Panel de parámetros de Kiply

Panel de parámetros de Kiply

Kiply descárgase no equipo e desde ese mesmo momento comeza a recoller información. O usuario pode escoller diferentes tarxetas de medición que aparecen por defecto (navegador web, Redes sociais, programas de ofimática) ou pode crear novas tarxetas a medida que controlan cómo se emprega o tempo en cada tarefa. A partir da primeira semana, e a través da comparación coas bases de datos doutros usuarios e de análises de produtividade, Kiply comeza a aconsellar ao usuario.

O xerente da empresa pon dous exemplos: “Pódese crear unha tarxeta para calcular canto tempo pasa o usuario buscando arquivos que ten gardados no seu equipo. A través das nosas suxestións, que aconsellan unha mellor organización das carpetas ou a creación de accesos directos para os arquivos que máis se utilizan, o tempo de busca pode reducirse a máis da metade. E outro exemplo: o do correo electrónico. A xente adoita consultalo cada pouco tempo, e está sempre pendente de recibir novas mensaxes. Nós propoñemos traballar 45-50 minutos sen consultar o correo e, ao final de cada hora, dedicar 10 minutos a revisar o e-mail. Resulta sorprendente o tempo que se aforra”, relata Cánovas.

Kiply analiza o comportamento do usuario e acónsellao para que aproveite mellor o tempo

A ferramenta está dispoñible de xeito gratuíto para usuarios particulares e para empresas que intenten optimizar a xestión dos recursos humanos. Pero en Kiply queren remarcar a súa aposta polo respecto á privacidade. “Nunca ofrecemos aos empresarios datos a nivel nominal dos traballadores. Intentamos non xulgar nunca. Nunca dicimos ‘hoxe non traballaches ben’ senón que dicimos ‘poderías facer máis se o fixeras desta maneira’, aclara o xerente da empresa.

Esta iniciativa é unha nova aposta pola innovación no sector tecnolóxico en Galicia, cuxo potencial defende José Cánovas. “Desde 2008 viuse un paso adiante na aposta polo autoemprego e as ideas innovadoras. En Galicia hai proxectos moi interesantes, tan valiosos ou incluso mellores que algúns que se presentan nos Estados Unidos e que reciben un enorme apoio económico”, afirma o CEO de Kiply.

Despois de catro anos de desenvolvemento, agora mesmo, en Kiply traballan sete persoas, ademais dun consello asesor formado por expertos en varias materias que axudan a mellorar continuamente a ferramenta.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.