Fernando Vázquez, CEO de Imatia.

Fernando Vázquez, CEO de Imatia.

Imatia: software galego para medio mundo

A innovadora compañía ten clientes como Inditex, Citroën ou a Forza Aérea dos Estados Unidos

A traxectoria de Imatia, gañadora de diversos premios entre eles o Galicia Spin-off no seu apartado Selo de Calidade, é un exemplo de que realmente é posible que unha empresa que nace no eido universitario poida consolidarse ao longo do tempo,  sen esquecer as súas raíces e aplicando o que foron os seus acenos de identidade desde un principio: innovación e diversificación. A compañía especializouse desde os seus inicios no desenvolvemento de software rápido para administracións e empresas pero non renuncia a explorar outras vías de negocio e esa é unha das razóns polas que segue apostando por innovar, unha cultura que sempre estivo presente en Imatia.

Imatia1

Fernando Vázquez, CEO de Imatia, explica que o xerme da compañía xurdiu do grupo de investigación universitario DASA, creado en 1995, en Vigo. Dez anos despois nacía Imatia, xusto ao mesmo tempo que aparecía a normativa que amparaba a creación de spin-offs. “Xa no ano 95 tiñamos ideas e proxectos bastante avanzados para a época e co tempo, andando polo mundo, démonos conta de que realmente para facer un proxecto de éxito tes que ter un impacto local e xerar emprego e riqueza ao teu redor. A nosa vocación sempre foi crear tecnoloxía en Galicia e vendela fóra”, explica Vázquez.

A aposta non foi mal de todo e, como consecuencia diso, actualmente Imatia conta con clientes nos cinco continentes e achégase ao centenar de empregados. Vázquez agradece o apoio que tivo a compañía nos primeiros momentos, cando moitas administracións e empresas apostaron por comprar os seus produtos fronte aos que ofrecían as multinacionais. “Creo que os profesores universitarios, como é o meu caso, temos o gran privilexio de facer un traballo que nos gusta e debemos devolver algo á sociedade. Hai preto de 6.000 profesores universitarios en Galicia e é moi importante que poidan contribuír á xeración de emprego aquí”, sinala.

O proxecto de Imatia naceu dende o grupo de investigación DASA da Universidade de Vigo

O proceso de internacionalización de Imatia distinguiuse pola procura de socios locais que tamén queiran innovar. Este ano abriuse a primeira sede internacional da empresa en Brasil e hai interese por continuar a expansión, especialmente en Latinoamérica polas posibilidades que presenta. Recentemente Imatia desenvolveu o seu primeiro proxecto en África, concretamente en Marrocos onde vendeu un proxecto de visión artificial para trens. Entre os clientes da empresa atópanse desde multinacionais, como Inditex ou PSA Peugeot Citroen, ata institucións como a Forza Aérea de Estados Unidos, a Xunta ou Adif.

Aínda que o desenvolvemento de software rápido (baseado na tecnoloxía ‘ontimaze‘) é o produto estrela de Imatia, a empresa non descoida a innovación noutros eidos como a robótica e espera poder incrementar o seu negocio noutras áreas no futuro. “Un 30% do noso persoal dedícase directamente á innovación pero en realidade todos os nosos traballadores implícanse nela porque está na nosa cultura empresarial e hai que evolucionar continuamente para seguir sendo competitivos”, sinala Vázquez, quen apunta á necesidade de potenciar a vertente comercial da empresa nos próximos anos.

A compañía vén de abrir unha delegación en Brasil e aposta por Latinoamérica

Co aval da súa experiencia como profesor e creador dunha spin-off, Vázquez explica que actualmente esta modalidade de desenvolvemento empresarial está máis consolidada na universidade pero parece que existe un certo ‘declive’ na transferencia de tecnoloxía. “Non sei se se debe a que os centros tecnolóxicos se fixeron máis fortes neste papel ou se está a fallar algo”, engade. Tamén apunta que é necesario renovar o persoal de profesores universitarios porque ‘non hai recambio’ para xente como el, que comezou a dar clases a principios dos 90.

Na súa opinión, Galicia foi un lugar ‘privilexiado’ á hora de obter financiamento para proxectos de I+D, mesmo durante a crise, xa que existía a posibilidade de acudir ao fondo tecnolóxico da UE. “O obxectivo para alcanzar agora é que as empresas podamos financiar nós mesmas o investimento en I+D“, conclúe o CEO de Imatia.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.