Xoves 28 Marzo 2024

Solucións innovadoras contra doenzas hepáticas

A loita contra o cancro e outras enfermidades con orixe xenética require un longo camiño e investigación para poder ofrecer resultados positivos. O proxecto Reproesteatosis que levase a cabo no CiMUS da Universidade de Santiago iniciouse hai anos co obxectivo de avanzar na detección das causas que provocan diversas enfermidades do fígado, entre elas o cancro hepático, e como previr a súa aparición. Cinco anos de traballo permitiron conseguir os primeiros resultados nos ensaios en ratos. Agora quizais queda o máis difícil, obter o financiamento para continuar o camiño iniciado e conseguir que o proxecto poida converterse nunha iniciativa empresarial viable.

A bióloga Begoña Porteiro é unha das investigadoras que forman parte do grupo e ao longo do últimos cinco anos estudou a evolución da enfermidade do fígado graxo nos ratos. Unha das conclusións máis importantes deste longo traballo é a posibilidade de reducir os niveis de graxa no fígado dos ratos mediante a manipulación dos xenes P53 e P63. Desta forma podería chegar a previrse a aparición da enfermidade do fígado graxo, que posteriormente pode chegar a desembocar en cirrose e cancro hepático.

Publicidade

Xa se puido comprobar algunha das hipóteses do proxecto con mostras de pacientes humanos

Aínda que a investigación aínda ten un longo percorrido por facer, xa se puido comprobar algunha das hipóteses que se manexan no proxecto con mostras de pacientes humanos que padecían a enfermidade da esteatohepatite. A colaboración do grupo que investiga en Santiago con outros existentes en Bilbao e Madrid é a que fixo posible estes avances, aínda que será necesario conseguir máis financiamento para poder consolidar os avances realizados e chegar a conseguir fármacos efectivos para combater e previr este tipo de doenzas hepáticas.

“Gustaríame poder seguir estudando as posibilidades que se abriron con esta investigación. É un traballo que debería realizarse con vistas a cinco ou dez anos e para o que se necesitará financiamento e moita colaboración”, explica Porteiro.

Rubén Nogueiras, director do grupo de Metabolismo Molecular do CiMUS, explica que o proxecto tamén trata de analizar as posibilidades que existen de converter a un fármaco anticanceríxeno que xa existe (a Doxorrubicina) na prevención da enfermidade do fígado graxo. Ao mesmo tempo, outra parte do grupo de investigación busca novos compostos para combater a citada enfermidade. De momento os primeiros resultados xa permitiron obter unha patente e un volume moi elevado de datos.á a

Agora estase avaliando o mellor camiño para avanzar cara a un proxecto empresarial

Nogueiras apunta que agora se está avaliando cal é o mellor camiño para converter toda esta investigación nun proxecto empresarial. Analízase a posibilidade de constituír unha spin-off aínda que parece que a vía que ten máis posibilidades de prosperar é a de comercializar os datos conseguidos a unha compañía que xa estea a operar no sector.

“É complexo afrontar a comercialización deste tipo de investigacións. Nun prazo de dous anos imos saber se será posible reposicionar o fármaco xa existente para que sirva tamén para a enfermidade do fígado graxo. Se é posible haberá que conseguir a colaboración dalgunha empresa farmacéutica no proxecto xa que facer un ensaio clínico custaría millóns de euros”, indica Nogueiras.

O director do proxecto destaca que o Programa Ignicia, posto en marcha por Gain en colaboración coa Fundación Barrié, é o que está a permitir explorar as vías de comercialización da investigación realizada. “É o único programa deste tipo co que contamos, xunto a outro que ten a UE”,  engade Nogueiras, quen confía en poder continuar avanzando coas liñas de investigación que permitiron obter xa algúns resultados.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Nanotecnoloxía galega contra o tumor cerebral máis común

Un estudo da USC abre a porta a unha nova aproximación terapéutica que podería posibilitar un ensaio clínico nun prazo de tres anos

Convocado o IX Premio de Xornalismo Científico Celia Brañas

Os traballos poden enviarse a partir do 15 de abril. A dotación económica do galardón será de 5.000 euros, cun accésit para o segundo mellor valorado

Yolanda Prezado: “Coa protonterapia erradicamos o 83% dos tumores en estudos preclínicos”

A científica galega referente en París incorpórase ao CiMUS para impulsar a investigación en Galicia da terapia con protóns

Un equipo da USC acha unha nova diana terapéutica contra a principal causa de transplante de fígado

O descubrimento, publicado na revista 'Cell Reports Medicine', resulta esencial para abordar a fibrose hepática, unha patoloxía para a que non existe tratamento