Empregados de HG Beyond no laboratorio da empresa

Empregados de HG Beyond no laboratorio da empresa

HG Beyond, lentes de contacto que curan

Unha spin-off da USC aspira a revolucionar os tratamentos oculares co desenvolvemento de hidroxeles

As ideas nadas na Universidade poden acabar converténdose nunha iniciativa empresarial de gran alcance. Todo apunta a que isto é o que está a suceder con HG Beyond. A spin-off da Universidade de Santiago  (nada baixo o nome de Lentimed) obtivo diversos premios e apoios co seu proxecto para desenvolver  lentes de contacto, realizadas cun material innovador, que servirá para administrar fármacos e substancias para combater problemas oculares.

Manuel Figueroa, project manager da empresa, explica que actualmente se atopan en pleno desenvolvemento de lentes de contacto que inclúen un sistema de humectación para lubricar o ollo e do que se beneficiarían os usuarios de lentes de contacto que teñen problemas co seu uso pola falta de humectación natural. A comercialización das lentes está prevista para mediados de 2019.

Equipo directivo de HG Beyond

Equipo directivo de HG Beyond

O obxectivo é que este primeiro produto sexa o que permita abrir o camiño a que a lente poida servir para administrar fármacos, algo máis complicado de conseguir inicialmente xa que será necesario realizar ensaios clínicos e emprender un longo proceso antes de que poida chegar a comercializarse. Con todo, as lentes co sistema de lubricación incorporado poden ter unha gran saída comercial, xa que un 50 por cento das persoas que abandonan o uso de lentes de contacto achácano á falta de humectación.

Figueroa explica que a clave do proxecto é o emprego de hidroxeles que permiten liberar substancias no ollo dun modo moito máis eficaz que o que se consegue co uso de colirios. A lente permite que a substancia se poida aplicar ao ollo de maneira continuada e con maior efectividade, ademais non hai que estar pendentes de aplicarse pingas no ollo cada certo tempo.

“A I+D está no ADN da nosa empresa”, indica Figueroa, quen apunta ademais que a innovación non se limita ao desenvolvemento dun produto que pode cambiar o paradigma dos tratamentos oculares senón que tamén á estratexia de desenvolvemento de negocio da empresa. HG Beyond pretende ser unha empresa competitiva a nivel mundial e por iso é polo que xa inscribise patentes en Estados Unidos, Europa e Xapón.

HG Beyond terá que competir con outros desenvolvementos de produtos con aplicacións similares que se están realizando noutras partes do mundo, pero Figueroa asegura que a gran vantaxe coa que conta é dispoñer dun material innovador de gran versatilidade. Entre os retos para o futuro próximo estará o de obter financiamento suficiente para os ensaios clínicos que serán necesarios para poder aplicar fármacos con este produto.

Nun futuro próximo as lentes desenvolvidas pola empresa con sede en Santiago poderán utilizarse non só como correctores da visión, senón tamén como vendaxes oculares para mellorar a calidade de vida de millóns de persoas que sofren trastornos como a síndrome do ollo seco, intolerancia ás lentes de contacto, glaucoma, keratopatía diabética e certas infeccións.

A empresa obtivo unha axuda do programa Mind the Gap

A compañía xorde grazas ao traballo de doutora Carmen Alvárez Lorenzo, profesora de Farmacia e Tecnoloxía Farmacéutica da USC e investigadora posdoctoral no MIT, e do doutor Angel Concheiro, catedrático de Tecnoloxía Farmacéutica da USC. Ambos son socios fundadores e contan cun recoñecido prestixio mundial polas súas investigacións en hidrogeles con propiedades especiais.

HG Beyond obtivo unha axuda do programa Mind the Gap, da Fundación Marcelino Botín, e conta como accionista e presidenta coa española Paloma Cabello, referente internacional en investimento en innovación. Entre os diversos premios que HG Beyond recibiu, a pesar da súa curta existencia, atópase o de gañadora da III edición dos Premios Galicia Spin-off e o Premio de Transferencia de Tecnoloxía en Galicia 2017 na categoría de pemes.

Entre os apoios que atopou a empresa para o seu desenvolvemento destaca a concesión dunha axuda Neotec, por parte do Centro para o Desenvolvemento Tecnolóxico Industrial (CDTI), que pode resultar clave para o futuro de HG Beyond. Ademais, a empresa participa nun consorcio europeo de investigación dentro do programa Horizonte 2020.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.