Venres 29 Marzo 2024

Gato Salvaje Studio, sobrevivir entre xigantes é posible

Chegar a situar un produto en 140 países partindo dun proxecto empresarial modesto pode parecer un milagre pero é o que conseguiron en Gato Salvaje Studio, unha empresa situada na Coruña que desde o seu nacemento en 2010 non deixou de romper barreiras. A competitiva industria dos videoxogos é o habitat no que desenvolven a súa actividade e o papel que xogan a innovación e a adaptación a un terreo de xogo cambiante é o que marca a diferenza no mercado onde se move esta compañía.

Sergio Prieto, un dos fundadores da empresa, explica que o sector dos videoxogos converteuse na maior industria de lecer do mundo e que en Galicia e España hai moito terreo por explorar aínda. Nesta liña, Gato Salvaje non se ocupa só do desenvolvemento de novos produtos senón que tamén realiza un importante labor no ámbito da formación. “Xa temos xente traballando connosco que proceden dos primeiros cursos que fixemos e imos seguir apostando por esta estratexia porque nos interesa que creza o sector dos videoxogos en Galicia con xente ben formada”, indica Prieto.

Publicidade

“En Galicia e España hai moito terreo por explorar no sector dos videoxogos”

O 95 por cento das vendas que realiza a empresa dedícanse ao mercado exterior e os catro produtos cos que conta actualmente no mercado distribúense en inglés, aínda que incorporaron tamén o galego. Xogos como o AR-K e BullShot alcanzaron un gran éxito de vendas. O primeiro deles superou as 150.000 copias vendidas e situouse no top 10 de vendas en España.

AR-K, lanzado en 2014, permitiu a Gato Salvaxe acceder á maior plataforma mundial de venda de videoxogos, Steam, que conta con máis de 150 millóns de usuarios activos. AR-K é unha aventura gráfica que contou como guionista co prestixioso escritor de cómics norteamericano Greg Rucka, gañador de varios premios Eisner e autor da famosa saga Gotham Central.

Prieto destaca que en Gato Salvaje decidiron apostar por quedar en Galicia e contribuír a desenvolver un novo sector dentro da industria do lecer, a pesar de que contaron cunha importante oferta para instalarse en Canadá. “Chegamos a viaxar alí e dábannos todas as facilidades para instalarnos pero finalmente pesou máis a calidade de vida que temos aquí e decidimos apostar por seguir en Galicia”, apunta Prieto. Como anécdota, explica que negociaron cunha entidade bancaria en Canadá que acudiu á reunión cunha experta no sector dos videoxogos. “En España os bancos miran os números pero non coñecen as particularidades do sector”, engade. A empresa medrou grazas a fondos do programa XesInnova, da Consellería de Industria.

“Dábannos todas as facilidades para instalarnos en Canadá pero decidimos apostar por Galicia”

As dificultades para conseguir financiamento é un dos problemas aos que se enfronta a empresa que contou co apoio de Xesgalicia para afrontar a súa expansión internacional. Gato Salvaje conta actualmente con oito empregados pero están en pleno desenvolvemento dun proxecto “grande” no que poderían implicarse ata 30 persoas. Moitos deles serían formados en cursos realizados pola propia compañía, onde os alumnos afrontan un proxecto de desenvolvemento dun videoxogo en todas as súas fases: animación, modelado, iluminación, etc.

A innovación é continua e imprescindible nun sector onde hai que contar coa última tecnoloxía que existe en cada momento. “Ao longo dos nosos sete anos de existencia xa pasamos por diversos motores e temos que adaptar continuamente os novos programas aos nosos sistemas”, explica Prieto, quen apunta tamén que o obxectivo sempre é o de mellorar a eficiencia e converter os novos avances no sector en ferramentas específicas para Gato Salvaje. “Temos que investigar ao mesmo tempo que traballamos, esta é a dinámica que temos nesta industria”, conclúe.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Así é The Waylanders, un videoxogo de fantasía na Galicia celta e medieval

O ambicioso proxecto de Gato Salvaje Studio, impulsado por micromecenado, gaña o premio dos enxeñeiros informáricos galegos

AR-K: unha aventura gráfica 'indie' de Galicia para o mundo

A desenvolvedora coruñesa Gato Salvaje Studio coloca o seu videoxogo nas principais plataformas de descarga